Persoal do Banco Caixa Geral reclama o mantemento do emprego e información sobre a venda da entidade
Empregados/as do Banco Caixa Geral e delegados/as sindicais da CIG e UGT desenvolveron hoxe unha mobilización ás portas dunha sucursal en Vigo para reclamar o mantemento de todos os postos de traballo e esixir información a respecto do proceso de venda no que está inmersa a entidade.
Durante a protesta, que tivo lugar de 11:30 a 12:30 horas, berráronse consignas como “Non á venda de Banco Caixa Geral”, “Emprego si, EREs non” e “Figueroa, trampón, pareces un Borbón” [esta última en referencia ao conselleiro delegado da entidade].
Ao remate da mobilización, convocada pola CIG e a UGT, deuse lectura a un manifesto conxunto no que se denuncia a opacidade da dirección en todo o que ten que ver coa venda do banco e se reclama transparencia, ao tempo que se esixe o mantemento de todos os postos de traballo.
Lémbrase que Banco Caixa Geral é resultado da fusión de tres bancos: Banco Luso Español, Banco Extremadura e Banco Simeón. Conta cun total de 110 oficinas e ten un cadro de persoal de 538 traballadores/as no conxunto do Estado (150 en Madrid, 140 en Galiza e 135 en Estremadura) e obtivo un beneficio neto de 25,4 millóns de euros no ano 2017, co que a entidade acumula catro anos seguidos de beneficios.
“Levamos soportados dous ERE, o último en 2013, reducindo as oficinas de 209 ao número actual de 110, e o cadro de persoal de 1160 a 538 traballadores/as a día de hoxe, cunha idade media de 45,12 anos e unha antigüidade media de 18,20 anos”.
En xuño de 2017, nunha reunión entre a empresa e os sindicatos, a dirección comunicou que a matriz, Caixa Geral de Depósitos, ten tomada a decisión de vender obrigatoriamente o banco por imposición de Bruxelas.
Incumprimentos reiterados
Despois da última xuntanza entre as distintas forzas sindicais e a Comisión Executiva, que tivo lugar na sede do banco en Madrid o 16 de xaneiro de 2018 , o conselleiro delegado da entidade, Manuel López Figueroa, comprometeuse a dar conta puntual de cada un dos avances que se foran producindo no proceso de venda do banco. “Esta promesa está a ser incumprida de xeito reiterado, non tendo ningunha información e agravando a incerteza dos 538 traballadores/as que compoñen o cadro de persoal”.
En consecuencia, os traballadores/as optaron por deseñar un calendario de mobilizacións que tivo a súa primeira cita hoxe en Vigo, en concreto diante da que foi a oficina principal do antigo Banco Simeón, na rúa Policarpo Sanz. “Foi a primeira concentración que levaremos a cabo, á que lle seguirán outras en Madrid e logo en Estremadura; se o banco non dá resposta ás nosas demandas convocaremos paros parciais, e non descartamos unha folga en toda a entidade”.