Persoal do aeroporto de Santiago mobilízase contra o ERE na empresa auxiliar de Ryanair
Persoal do aeroporto Rosalía de Castro mobilizouse hoxe na terminal para rexeitar o ERE que suporá o despido da practica totalidade o cadro de persoal de Azul Handling, empresa de asistencia en terra auxiliar de Ryanair. Na protesta participaron tanto persoas traballadoras da compañía afectada e da propia Ryanair, así como do resto de empresas do aeroporto (hostalaría, aluguer de vehículos, aparcamento, etc), que vén ameazadas tamén os seus empregos e as súas condicións laborais tras o anuncio da aeroliña irlandesa de que vai pechar a súa base en Santiago.
A decisión de Azul Handling contempla o despido na terminal santiaguesa de 79 persoas e a redución de xornada para outras seis, quedando unicamente un cadro de persoal integrado por arredor de 20 persoas. E consideran o ERE en fraude de lei porque Azul Handling sóstén que Ryanair é cliente, e que ao marchar quenda sen traballo. “Nós entendemos que forman parte dun grupo de empresas e polo tanto non é unha causa externa á Azul Handling, senón unha decisión empresarial coa que se pretende presionar as administracións públicas para que a sigan subvencionando; de aí que opten por instalarse en Alacante e Málaga, e mesmo se está a falar que o Goberno autonómico cántabro vaille dar cartos a Ryanair para que non abandone Santander”, explica o secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, Roberto Alonso.
Ao mesmo tempo, a compañía négase a ofrecer información sobre os seus resultados económicos alegando causas organizativas, técnicas e de produción. “Cando, segundo a revista ‘Forbes’, Ryanair duplicou beneficios no primeiro trimestre de 2025 impulsado polo aumento de tarifas e tráficos. Entre abril e xuño de 2025 tivo un beneficio neto de 820 millóns de euros, cun incremento do 128%. “Parécenos unha auténtica obscenidade. Estamos falando de mil millonarios que queren ser noxentamente ricos, e cada vez máis, a conta de explotar ás persoas traballadoras e de chantaxear a un país como é o noso”.
Diante disto, a representación sindical da CIG e de CCOO en Azul Handling decidiu poñer en marcha unha campaña de mobilizacións que comezou hoxe e que continuará nos vindeiros días cunha convocatoria de folga tanto na empresa de asistencia en terra como no conxunto do aeroporto.