Persoal do 112 e do 061 entrega na Valedora do Pobo 11.238 sinaturas contra o traslado dos servizos de emerxencias á Estrada
Antes de facer a entrega das sinaturas, denunciaron que o traslado –que cualificaron de “forzoso”- das centrais de coordinación tanto do 061 como do 112 foi decidido de forma “arbitraria” pola Xunta de Galiza. “Levamos máis de 20 anos desenvolvendo o traballo en Santiago de Compostela cuns criterios de excelencia avalados polo recoñecemento de diversas institucións públicas e privadas e entendemos que non hai razóns para movelos”, sinalou Mario Otero, Presidente da Xunta de Persoal do 061.
Otero lembrou que as instalacións nas que se prestan estes servizos xa son públicas e que foron reformadas entre 2010 e 2012. Xunto a isto sinalaron que “teñen capacidade de crecemento para aumentar a posible demanda da atención das emerxencias; están situadas na mellor ubicación: nunha cidade coas mellores comunicacións de toda Galiza, con tren, autoestrada e aeroporto. Por iso non entendemos as razóns, que só podemos ver como políticas do traslado da central ao concello da Estrada”.
Denunciou que, a esta altura, nin sequera teñen datas confirmadas de forma oficial de cando sería o traslado aínda que se barallaron ao longo deste ano varias: desde que sería efectivo no primeiro trimestre deste ano, até que sería neste mesmo mes e advertiu de que facer o traslado durante o verán “non sería o mellor momento”.
Subliñou ademais que o traslado é un problema tanto para a cidadanía, “porque se incorre nuns gastos” que cre que non habería que facer, como para o propio persoal que desenvolve a súa actividade nestes servizos de emerxencia. Neste sentido alertou da posibilidade de que se produza un empeoramento da atención das emerxencias, pola posíbel perda de capital humano. “Hai traballadoras e traballadores que poderían non ser capaces de soportar os custos do traslado, tanto económicos como persoais”.
A este respecto explicou que afecta a máis de 250 familias arraigadas en Compostela e comarca que teñen que trasladarse a un novo centro de traballo, na Estrada, sen ningún tipo de información, nin negociación. Un cambio que vai imposibilitar totalmente a conciliación da vida persoal e familiar. “Teremos que estar na estrada, cun claro incremento do risco de accidentes in itinere e un aumento do nivel de estrés, nun traballo que xa de por si é estresante”, afirmou.
Da xuntanza da tarde cos conselleiros de Presidencia (do que depende o 112) e de Sanidade (do que depende o 061) o persoal dos servizos de atención de emerxencias agardaba obter explicacións e respostas. “Teremos por fin a posibilidade de coñecer de primeira man os plans do goberno porque directamente non tivemos noticia, nin sequera unha orde de traslado. Só sabemos o que se debateu no Parlamento e o que se publicou debateu nos medios de comunicación”, concluíu Otero.