Persoal do 112 concéntrase en Lavacolla para denunciar as perdas salariais derivadas do traslado á Estrada
Persoal do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galiza concentrouse esta mañá nas instalacións do Aeroporto da Lavacolla durante a realización dun simulacro programado pola Axencia Galega de Emerxencias e a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, para denunciar que a administración repercute nas traballadoras e traballadores todos os gastos derivados do traslado do servizo á Estrada.
Segundo explicou a presidenta do comité de empresa e representante da CIG, Isabel Moares, con esta protesta “queremos visibilizar, no propio lugar do simulacro, a teima da Xunta de Galicia en organizar a súas políticas de prevención e emerxencias unicamente en función da espectacularidade e de cara á galería, tal e como está a facer no caso do novo edificio de emerxencias da Estrada, onde millóns de euros de diñeiro público non van supor mellora ningunha na xestión diaria das emerxencias”.
Moares tamén denunciou que a Xunta de Galiza aínda “non se dignou” a recibir o persoal para abordar a problemática das compensacións polos gastos que os e as traballadoras terán que asumir polo traslado.
A presidenta do comité lembrou que se gastaron 17 millóns en construír o edificio que aloxará as instalacións dos servizos de emerxencias e que, porén, non se prevé destinar nada ao traslado do persoal, malia térselles asegurado, antes das eleccións, que había unha partida destinada a este efecto.
Terán que detraer dos seus salarios os custos dos desprazamentos
Ante isto, o propio persoal fixo contas e valorou que os custos derivados dos desprazamentos suporán para as traballadoras e traballadores unha perda de poder adquisitivo de arredor dun 14%. Unha perda salarial real que “provocará un problema para compañeiros e compañeiras que xa están valorando deixar o traballo. Xente que leva moitos anos no 112 e que é unha experiencia que se vai perder”.
Para a presidenta do comité isto aínda precarizará máis unhas condicións laborais que xa son precarias –o salario medio está arredor dos 1.000€- e afectará fundamentalmente a mulleres, que son a maioría do cadro do persoal.
Por iso anunciaron un calendario de mobilizacións e que sairán á rúa a explicar a todas as veciñas e veciños de Compostela as consecuencias que terá, non só o traslado e as deficiencias técnicas, senón tamén nas súas condicións laborais.