Persoal do 061 e do Grupo Norte iniciarán paros se non avanzan as negociacións polo traslado á Estrada
A Xunta de Persoal do 061 e o Comité de Empresa de Grupo Norte da Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061-Galicia, advirten que, ante a falta de avances nas negociacións do traslado ao Centro de Atención de Emerxencias no concello da Estrada, e de persistir esta situación, iniciarán os primeiros paros neste mes de xullo. Estes paros afectarán aos servizos sanitarios urxentes de toda a comunidade. Estas mobilizacións deben ser referendadas polas respectivas asembleas de traballadores.
Xunta de Persoal e Comité de Empresa tamén alertan de que, revisada a información sobre os plans de traslado facilitados na derradeira reunión, non se pode garantir que este se realice coas debidas garantías para un servizo destas características. A este respecto afirman que “non se sabe, a día de hoxe, en que quenda de traballo do día 2 de outubro se fará o cambio; non se ten contemplado o número de recursos humanos necesarios o día do traslado, nin si se duplicarán quendas e non existe un plan de probas previo”, entre outras cuestións.
Tanto a Xunta de Persoal como o Comité de Empresa lamenta que o Servizo Galego de Saúde teña adiado as negociacións até o último instante, o que supón que as mobilizacións vaian ter lugar nuns meses tan críticos como son xullo e agosto e advirten das importantes repercusións que poden xerar as mobilizacións. Por iso agardan que tanto Grupo Norte como o Servizo Galego de Saúde “reaccionen, abandonen o seu inmobilismo e poñan da súa parte para chegar a un acordo beneficioso para todas as partes” xa que os traballadores e traballadoras afectados tiveron coñecemento de que outros colectivos teñen compensacións que multiplican as súas, algo creou bastante malestar entre o cadro de persoal.