Persoal do 061 continúa coa folga e as protestas mentres se desenvolven as negociacións

Hoxe desenvolveron unha nova concentración diante das instalacións do servizo de emerxencias
Nacional - 22 Ago 2018

Os traballadores/as da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 e de Grupo Norte, empresa que xestiona a Central de Coordinación do servizo de emerxencias, continuaron hoxe coas mobilizacións semanais para reclamar unha compensación xusta polo traslado forzoso dende Santiago á Estrada. O persoal estatutario segue de folga indefinida dende o pasado día 1, mentres que os empregados/as do centro de chamadas decidiron suspendela mentres teñen lugar as negociacións coa compañía.

Nesta ocasión a protesta, que se desenvolveu coincidindo coa xuntanza entre a representación do persoal da Central de Coordinación e a dirección de Grupo Norte, tivo lugar diante das instalacións de San Marcos (no edificio da CRTVG). Os traballadores/as despregaron varias faixas e berraron consignas reclamando unha solución ao conflito laboral derivado do traslado forzoso á Estrada. Antes de rematar a mobilización fixeron un percorrido polos exteriores do recinto que rematou diante da porta da Central de Coordinación.