Persoal de Vulcano marcha a pé de Vigo a Santiago para esixir que a Xunta os reciba
Un grupo de traballadores do estaleiro Vulcano de Vigo, que se atopa en fase de liquidación, iniciaron hoxe unha marcha a pé até Santiago ante a “inacción” da Xunta e para esixir seren recibidos polos responsábeis autonómicos “para que nos aclaren cal vai ser o noso futuro”. Denuncian que o Goberno galego tutelou o proceso de liquidación “e agora déixannos abandonados tras fracasar os contactos cun suposto inversor que ía salvar a empresa e manter os postos de traballo”.
Os afectados arrincaron pasadas as 10:00 horas das instalacións de Vulcano en Teis e teñen previsto chegar ao Parlamento galego o venres ás 12:00 horas. Na xornada de hoxe farán noite en Redondela, para continuar mañá até Caldas. Na terceira xornada chegarán a Padrón, rematando o venres en Santiago.
Segundo explica o delegado da CIG no comité, Jorge Rodrígez Montezano, decidiron esta medida de presión como consecuencia da inacción da Xunta e porque “como non nos reciben decidimos ir nós a falar con eles/as”. Lembrou que dende hai un ano mantiveron xuntanzas co Goberno galego a través do Igape arredor de dúas cuestións: coñecer como ía a construción do ferri de Transmediterránea e ver como sería o proceso posterior á entrega.
“Dicían que o empresario non tiña máis crédito, que non podía contratar máis, polo que se nos instou á liquidación da empresa tutelada pola Xunta co obxectivo de atopar un novo inversor que mantivese a actividade do estaleiro e o emprego”. Pero unha vez entregado o barco e liquidada a empresa a Xunta non volveu contactar co comité de empresa. “Limitáronse a facer declaracións dicindo que non había novo inversor; deixáronnos abandonados”.
Diante disto, optaron por convocar mobilizacións, como a que tivo lugar recentemente diante do delegación da Xunta en Vigo. Agora decidiron marchar a pé até Santiago para forzar unha reunión cos responsábeis autonómicos “para que nos digan cal vai ser o futuro dos 69 traballadores de Vulcano, moitos deles de idade avanzada, polo que quedan nunha situación moi delicada”.