Persoal de Vitrasa mobilízase en demanda da negociación do convenio
Traballadores e traballadoras de Vitrasa concentráronse esta mañá diante da compañía para demandar a negociación do convenio colectivo. O persoal manifestou ademais o seu rexeitamento ás pretensións da empresa de inaplicar o actual, caducado desde 2020, e rebaixar os salarios malia ter un laudo arbitral en contra e un contencioso co goberno local en demanda de 14 millóns de euros pola redución de viaxeiros/as como consecuencia da pandemia. O persoal rexeitou tamén a pretensión de Vitrasa de aumentar as horas de traballo anual.
O laudo arbitral impídelle a Vitrasa deixar de aplicar o convenio. Malia isto, a empresa xa anunciou, na única xuntanza convocada para tratar do convenio, que só negociarían un convenio á baixa e que non tiñan intención de volver a reunirse en tanto as súas pretensións non fosen atendidas. Por iso desde o comité, presidido pola CIG, ademais de retomar as mobilizacións, iniciarán unha campaña de información entre o persoal para informalo da situación e que decida en asemblea as medidas a adoptar ante a actitude da empresa.
O comité denuncia a perda de poder adquisitivo que acumulan os salarios, de arredor dun 13%, ao non se lle aplicaren as subas correspondentes ao IPC por ter o convenio caducado desde 2020. Engade que esa perda de poder adquisitivo achegaríase ao 50% de se materializar a pretensión da empresa de rebaixar os salarios e incrementar a xornada, a pesar de ter asegurado un incremento do prezo do billete para este anos.
O Concello de Vigo, ausente
O concello mantense, segundo o comité na inacción, fronte concellos doutras vilas nas que os gobernos municipais mediaron nos conflitos doutras concesionarias do grupo Avanza, ao que pertence Vitrasa. Por iso reiteran a súa demanda de mediación no canto de agasallar á empresa con 5 anos de concesións; redución de servizos ou suba do prezo do billete, entre outras cuestións.
O comité denuncia ademais que Vigo teña un servizo esencial como é o transporte público entregado a unha empresa privada “que prioriza a rendibilidade á calidade do servizo”. Unha empresa que non só incumpre o prego de condicións do concurso (renovación de frota, servizos, etc), senón tamén as condicións laborais dos seus traballadores/as”. Polo que entenden que o Concello debera reformular a explotación da concesión e garantir un servizo de calidade para a cidadanía e unhas condicións dignas para os empregados/as.