Persoal de Viaqua inicia en Pontevedra as mobilizacións por un convenio xusto
Máis de medio cento de traballadores/as de Viaqua, concesionaria dos servizos municipais de abastecemento e depuración de distintas localidades galegas, iniciaron hoxe en Pontevedra un calendario de mobilizacións para reclamar un convenio xusto e denunciar o inmobilismo da dirección.
A protesta desta mañá tivo lugar primeiro na Praza da Peregrina e logo ás portas das instalacións da compañía que xestiona o servizo de augas do Concello de Pontevedra, como tamén o fai doutros municipios por todo o país. De feito, as seguintes mobilizacións trasladaranse a Fene este mesmo xoves, a Ourense o luns e a Santiago o martes, mentres que a representación sindical baralla tamén a convocatoria de folga no mes de xuño.
Segundo explicou o presidente do comité intercentros, Fernando Romero, da CIG, as partes levan xa ano e medio negociando un convenio que afecta os máis de 500 traballadores/as que a empresa ten por todo o país, “pero as conversas non avanzan polo inmobilismo da dirección, que non ten présa en chegar a un acordo, como demostra o feito de que tardou dous meses e medio en responder á nosa última proposta”.
Ademais, négase a aceptar un incremento salarial próximo ao que estableceu o convenio estatal de augas e depuración (dun 9% nos cinco anos de vixencia), “ofertándonos unha suba dun 4% en catro anos”.
Persoal técnico e administrativo
Outras das cuestións que a parte social quere mellorar na novo convenio ten que ver coa realización de gardas e reténs, “xa que na actualidade pagan moi pouco por estes servizos”. Tamén reclaman un aumento dos pluses de penosos e tóxicos para o persoal que traballa nas plantas “porque non superan os 12-15 euros”.
E demandan un recoñecemento para o persoal técnico e administrativo que tivo que teletraballar durante a pandemia e padeceu unha sobrecarga de traballo que continúa na actualidade. “Pero a empresa on quere mellorar nada as súas condicións”.