Persoal de URBASER percorre as rúas de Compostela en demanda de información do novo prego
Persoal de URBASER manifestouse esta mañá polas rúas de Compostela para demandar do goberno municipal información sobre o novo prego de condicións para a que a veciñanza da capital de Galiza poida ter un servizo de limpeza de calidade.
Con esta manifestación convocada polo comité de empresa, as persoas traballadoras do servizo de limpeza e de collida do lixo demándanlle ao concello que publiquen os pregos “para que a veciñanza podan ter un servizo de limpeza e de recollida de residuos acorde cos impostos que pagan e as persoas traballadoras poidan facer as suas tarefas con maquinaria e métodos adaptados aos novos tempos”.
Lembran que se está a prestar un servizo cun prego caducado xa que o anterior saiu no ano 2005 e tiña unha vixencia de 10 anos máis 5 prorrogables.
Denuncian que actualmente estase a prestar un servizo moi precario xa que a maquinaria é moi vella, sofre moitas averías e non se adapta para nada aos sitios donde hai que realizalo. Mostra diso “son os últimos dous accidentes producidos tanto na rúa das Rodas como na rúa do Miñato.
Xunto a isto consideran que o cadro de persoal é reducido para atender as necesidades da cidade por mor do medre que experimentou nestes últimos 15 anos. “Levamos pedindo, de forma reiterada, unha xuntanza tanto coa concelleira Mila Castro, como co alcalde pero a única resposta que recibimos foi através da prensa e en forma de critica”.
Lembran que denunciaron xa en reiteradas ocasións ao concello o incumprimento da empresa co servizo (escasa cobertura de baixas, recortes nos servizos prestados, utilización do persoal pertencente a contrata de Santiago para otoutros concellos veciños ) “pero a única resposta que tivemos por parte da concelleira foi que la empresa cuando la llamamos siempre nos responde con eficacia”.
Ante isto responden que “o que lle falta é dicir que a empresa nos manda notas aos traballadores e traballadoras de que hai que realizar tal tarefa por que mandou a concelleira”. Fronte a isto responden que “cando se atende a calquera aviso dese tipo déixanse outros traballos que moitas veces terian mais urxencia para os vecinos, pero como o outro o manda a concelleira, hai que cumprir”.
O persoal de URBASER xa celebrou varias manifestacións diante do concello para expolle ás/aos representantes políticos a súa preocupación pola actual pandemia. “Entendemos que nestes momentos, coa situación sanitaria que temos, a limpeza é fundamental, polo que rogamos que a teñan en conta para que tanto as persoas que veñen en peregrinación, que tanto votamos de menos, coma a veciñanza se poidan sentir seguros andando polas rúas”.