Persoal de Universal Support protesta no Banco Santander por un traballo digno na campaña Superliña
Traballadores e traballadoras de Universal Support concentráronse este mércores diante da oficina do Banco Santander no Cantón Grande (antiga sede do Banco Pastor) en demanda dunha melloras das condicións laborais na campaña Superliña. O comité leva meses reclamándolle á empresa que sente negociar para abordar a desorganización do traballo e a precarización laboral, mais sen recibir resposta.
Por iso, acordaron convocar a concentración deste mércores e unha xornada de folga para o día 28, con paros parciais na campaña Superliña do Santander das 11 ás 13h e das 16 ás 18h e outra concentración ás 12h diante da mesma oficina da entidade.
Explican que hai un ano esta campaña de servizos ao Banco Santander quedou sen persoas responsábeis "e dende entón acumúlanse as reclamacións". No relativo á contratación, advirten dunha maior precarización co abuso dos contratos de substitución e fixos descontinuos ; e contratos de 20 ou 27 horas ao mes, "para traballar só dúas semanas, un salario ridículo só para medio mes".
A isto engádense as modificacións unilaterais e arbitrarias dos horarios, a falta de persoal de estrutura, de convocatoria de postos, néganse as consolidacións segundo os prazos marcados no convenio, a falta de organización e planificación, e "unha xestión nefasta" que agrava os conflitos.
Subliñan que o Banco Santander é "extremadamente esixente" con esta campaña pero en lugar de facilitarse a formación e a actualización do persoal, "reducíronse os tempos de formación e non hai equipo suficiente para formar nas actualizacións e reciclaxe, ademais de seguir sen contar coas ferramentas óptimas de resolución de dúbidas".
Ademais, o comité critica os raquíticos incentivos "que non incentivan" e que non dependen sequera do traballo desenvolvido pola persoa. E todo nun entorno cheo de presións polas vendas, con esixencias desmesurada e sen tempo entre chamadas.
Ante a pasividade da empresa, o comité acordou iniciar mobilizacións en defensa dunha mellora das condicións na campaña Superliña, poñendo tamén o foco na responsabilidade das compañías que contratan os seus servizos coas empresas de sector dos centros de chamadas.