Persoal de Top Wash mobilízase pola readmisión de oito compañeiros/as
Traballadores/as de Top Wash (contrata de Inditex) mobilizáronse este martes para esixir a readmisión dos oito compañeiros despedidos nas últimas semanas. A protesta, que se repetirá o venres día 18, iniciouse cunha concentración diante das instalacións da empresa no Polígono de Sabón (Arteixo) á que seguiu unha pequena marcha a pé até a sede da Fundación Inditex, onde se desenvolveu outra concentración.
Dende o comité (con maioría da CIG) responsabilizan ao xigante téxtil de consentir este "ERE encuberto" na súa contrata -Top Wash traballa en exclusiva para Inditex-, e aproveitarse da emerxencia sanitaria para abaratar custes e afondar na política de deslocalizacións. A CIG-Servizos subliña que este persoal non debería estar externalizado, senón que tería formar parte do cadro principal porque fai labores imprescindíbeis para a actividade de Inditex como é a tinturería industrial, o acabo das prendas, lavado ou funcións de laboratorio para probas de novos modelos e tinturas.
Mudar persoal fixo por eventual
O persoal de Top Wash estivo en ERTE durante tres meses por mor da covid19, mais agora que se vai recuperando a actividade, a empresa aproveita para executar estes oito despedimentos alegando causas obxectivas "que non existen". Óscar Maroño, membro do comité, lembra que hai tres anos Top Wash xa despediu a outras nove persoas ás que lle foi recoñecida a improcedencia en vía xudicial.
"Pero eses postos non desapareceron, o que vimos foi como uns meses despois se ían ocupando con persoal eventual que lles sae máis barato e ten peores condicións". Agora, a empresa repite procedemento, aínda con máis forza porque vai acompañado da eliminación dunha quenda completa de traballo.
Menos de 10 persoas para evitar un ERE de extinción
En ambas as dúas ocasións, a estratexia seguida foi a mesma: evitar chegar a dez persoas para non ter que presentar un expediente de extinción colectivo coas obrigas que isto implica en materia documental e de negociación. "Somos traballadores e traballadoras que levamos aquí moitos tempo, algúns 15 ou 16 anos, sufrindo condicións laborais moi duras, mentres a empresa tiraba substanciosos beneficios (o ano pasado obtivo máis de 6 millóns de euros en beneficios) e agora aproveitan a covid para botar á rúa a xente con máis de 10 anos de antigüidade", denuncia Maroño.
Por iso, subliña, "o único que pedimos é que readmitan a estes compañeiros e compañeiras, ter un emprego digno e que non se consinta a unha multinacional como Inditex seguir deslocalizando traballo".
Estes despedimentos tamén deixan en evidencia o que a CIG leva denunciado dende o primeiro momento: que as garantías de emprego para o persoal en ERTE que o Goberno español tanto pregoa, non son reais.