Persoal de Teleperformance protesta contra a precarización laboral a conta da emerxencia sanitaria
Delegadas e delegados de Teleperformance concentráronse este luns diante das oficinas da empresa na Coruña para reivindicar que se respecten os dereitos laborais do persoal e contra precarización das condicións de traballo, agravada dende o inicio da pandemia e a implantación do teletraballo en condicións abusivas.
Dende o comité acusan a empresa dunha total incompetencia e falta de inversión para implementar o traballo a distancia, xa que a compañía obriga as traballadoras e traballadores a asumir todos os custes xerados polo teletraballo (equipos, conexión a internet, luz, etc.) sen ofrecer ningunha contraprestación.
Ademais, Teleperformance segue coa política de descontos nas nóminas polas desconexións técnicas alleas ao persoal, malia que a Inspección de Traballo xa emitiu unha resolución indicándolle que non pode facelo.
Neste senso, Sergio Touceda, delegado da CIG, engade que Teleperformance aproveita o distanciamento do persoal do centro de traballo e as dificultades que isto supón para organizárense "para aplicar estes descontos por incidencias provocadas polos sistemas da propia empresa". Descontos que, sinala, afectan ao 20% do persoal e nalgúns casos chegan aos 150 euros "o que supón un recorte importante nas nosas nóminas que a empresa se embolsa aproveitando que moitos compañeiros e compañeiras desisten de reclamar o que lles pertence pola lentitude do proceso en vía xudicial".
Xunto a isto, Touceda critica que non se lle está a pagar como horas extraordinarias aos traballadores e traballadoras o tempo destinado a recuperar estas incidencias, "dando por entendido que se trata dun traballo voluntario, cando non o é".
A representación da CIG denuncia que a empresa (do sector dos centros de chamadas e que conta con máis de 800 traballadores e traballadoras na Coruña) está a aproveitar a crise sanitaria para afondar na precarización do seu persoal e aforrar custes; e neste tempo, a dirección nin sequera sentou avaliar coa representación social as condicións actuais e futuras nas que se poida desenvolver o teletraballo.
Agora, Teleperformance está ordenando á reincorporación na plataforma da Grela "de maneira caótica, improvisando e sen garantir as medidas preventivas e de seguridade", alerta Touceda, quen engade que a empresa ameaza con retirar do teletraballo ao persoal, por exemplo, "por non cumprir os obxectivos".
Falta de negociación coa representación legal do persoal
Dende o comité denuncian tamén que Teleperformance toma decisións que afectan ao seu persoal de forma unilateral "sen dar traslado e posibilidade de negociación á representación legal das/os traballadoras/es". Ademais, sinalan que a non acepta ningún tipo de solicitude dos/as traballadores/as por escrito ou correo electrónico, senón que obriga a utilizar a súa ferramenta interna, "a sabendas dos seus múltiples fallos e carencias".
Con esta práctica, advirte o comité, "o que pretende a compañía é afastar o persoal da representación sindical e ademais incumpre os acordos acadados entre comité e empresa en materia de canles de comunicación".