Persoal de Teleperformance da Coruña mobilízase contra o ERE que deixará na rúa a 38 familias

A concentración coincidiu coa xornada de folga de 24 horas convocada para este luns
A Coruña - 18 Set 2023

Traballadoras e traballadores de Teleperfomance da Coruña mobilizáronse esta mañá diante da tenda de Vodafone da Praza de Pontevedra, coincidindo coa xornada de folga de 24 horas, para manifestar o seu rexeitamento ao ERE anunciado o pasado 25 de agosto, que deixará na rúa a 38 familias coruñesas. O comité afirma que “non sobra ninguén”. Considera que “a empresa ten capacidade para reubicar a todo o persoal e adianta que “pelexaremos por manter todos e cada un dos postos de traballo”.

O comité denuncia que se aplica este ERE so pretexto de que prevé unha diminución de volumes en dúas campañas que está xestiona: Vodafone e Netflix. Porén, a multinacional ten dobrado os seus beneficios tras da pandemia e anunciou, recentemente, unha OPA sobre o grupo Majorel.

Os servizos afectados pola medida son Vodafone, Tú a tú, portabilidade e galego, Netflix e persoal de estrutura e mangement.

A afectación por delegacións, no caso da Coruña é de 35 teleoperadoras/es; 1 posto de coordinador/a e 2 formadoras/es, o que suma 38 postos de traballo. Xunto a estes hai 150 postos afectados en Ponferrada, 110 en Sevilla e 4 en Madrid.

En total afectará a 198 traballadores/as na campaña de Vodafone; 72 na campaña de Netfilx e 40 de estrutura e management.

Neste intre está aberto un proceso de negociación  que se iniciou o pasado 12 de setembro, cun calendario de xuntanzas os días 14, 19, 22 e 25 de setembro e 2 e 3 de outubro.

Deslocalización

O comité considera que este é un novo golpe á economía coruñesa, que é maior tendo en conta que o cadro de persoal xa pasou de ter a máis de 900 persoas ás actuais 515 que están a traballar no centro da Grela. “Case que 400 persoas que quedaron sen emprego na comarca, sen que as administracións, concello, Xunta de Galiza nin o Estado tomasen medidas para frear a deslocalización dos servizos de atención á clientela”, denuncia o comité.

Unha deslocalización pola que as grandes multinacionais como Teleperformance apostan, levándose o traballo a países con condicións laborais e sociais precarias para “aumentar os seus beneficios empresariais en detrimento da economía das familias da Coruña”, aseguran.

O comité lembra que este novo episodio súmase á deslocalización a Teleperformance Colombia do servizo á clientela de Unión Fenosa Distribución, cando Teleperformance España anunciou que mantería os postos de traballo, promesa que, indican, non durou máis de 11 meses.

O comité denuncia, ante isto, “a falta de Responsabilidade Social das multinacionais como Teleperformance, que ano a ano aumentan os beneficios dos seus directivos, en troques de investir na mellora das condicións laborais das persoas traballadoras ou nun mellor servizo e trato para a súa clientela”. Por iso fíxase como obxectivo tombar este ERE.