Persoal de Teleperfomance maniféstanse contra a deslocalización do servizo de atención de Naturgy
Traballadoras e traballadores de Teleperformance manifestáronse este mediodía para exixir o mantemento do servizo de atención telefónica de Unión Fenosa Distribución (Grupo Naturgy), que dende hai máis de 25 anos se presta dende a plataforma da Coruña. A eléctrica comezou este domingo, 4 de setembro, o proceso de deslocalización a Colombia, o que suporá deixar só o 20% dos actuais 118 postos de traballo para ofrecer atención en galego.
A protesta coincide coa convocatoria de paros parciais nas tres quendas laborais en rexeitamento a esta nova deslocalización, que agrava a proceso de destrución de emprego que vén sufrindo o centro de chamadas da Coruña dende hai tres anos. Daquela, explica o secretario da sección sindical da CIG, Tino Fernández, había máis de 1000 traballadores e traballadoras "mentres que agora apenas superamos as 500 persoas".
Sobre as consecuencias que a decisión de Naturgy ten sobre o emprego, Fernández explica que a pretensión é trasladar o 80% do servizo, de xeito que das 118 persoas que o prestaban só quedarán unhas 15 para dar atención en galego. Outras 20 traballadoras e traballadores xa foron recolocadas, pero hai 77 (segundo os cálculos da empresa) cun futuro incerto.
"Teleperformance amosou a súa vontade de recolocar a todo o persoal, pero non sabemos en que departamento, cando ou en que condicións", explica o representante da CIG. Quen advirte que, por experiencias previas, malia que agora non haxa despedimentos directos, "moito nos tememos que no futuro si se produzan, xa que esta é a táctica habitual da empresa".
Problemas na atención no primeiro día
Sobre o funcionamento do servizo dende Colombia, Fernández indicou que no día de onte “estivemos facendo probas e comprobamos que non había opción de atención en galego, só se ofrecía a opción de marcar outro idioma e despois de permanecer cinco minutos en espera non se atendía a chamada”.
Pero o máis rechamante, engade, é que os compañeiros e compañías que atendían a chamada "dicían que estaban atendendo dende Galiza. Tanto Teleperformance como Naturgy están a mentirlle ao seu persoal e á clientela, algo que nos parece moi grave".
Perda de calidade na atención
Fernández pon a atención ademais nos prexuízos que esta deslocalización ten para as persoas usuarias. Salienta que este é un servizo básico e esencial para a cidadanía, para notificar cortes, avarías, subas de tensión, altas e baixas do servizo de electricidade ou reclamacións, que ao longo destes anos se prestou, tanto en galego como en castelán, nesta delegación de Teleperformance A Coruña, dando cobertura a toda a clientela da Distribuidora (UFD) do grupo Naturgy de todo o Estado.
Naturgy xa tentara hai uns anos trasladar o servizo de atención de avarías a Catalunya pero esta medida foi descartada "precisamente pola dificultade de entender a xeografía propia da nosa terra. Se non estaban capacitados en Catalunya para garantir unha atención adecuada, moito nos tememos que a situación sexa peor dando o servizo dende Colombia".
Fernández denuncia ademais que os datos dos clientes van estar expostos nun país non que non existe unha lexislación como no Estado, nin Europa, porque “en Colombia non existe unha Lei de Protección de Datos que garanta a seguridade dos datos da clientela e iso tampouco se aclara por parte de Teleperformance, nin por parte de Naturgy".