Persoal de Telefónica protesta en Vigo contra o despido de 300 dos 600 traballadores/as da empresa en Galiza
Un grupo de traballadores/as de Telefónica mobilizouse hoxe diante das instalación da empresa no Calvario, en Vigo, convocados pola CIG coincidindo coa xornada de folga que se desenvolveu a nivel estatal para rexeitar as pretensións da compañía de despedir de 5000 empregados/as no conxunto do Estado (300 deles/as en Galiza). Dende a central sindical denuncian que con este anuncio a compañía pretende chantaxear os empregados/as de cara á negociación do próximo convenio colectivo.
O chamado Plan Estratéxico presentado pola compañía de telecomunicacións contempla o despido de 5000 traballadores/as en todo o Estado e a centralización do resto en seis únicas localidades: Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Bilbao e Valladolid. En caso de aplicarse finalmente en Galiza suporía a perda de 300 dos pouco máis de 600 empregos existentes e o peche dos centros de traballo de 15 localidades.
Dende a CIG denuncian que con estas decisións a empresa pretende chantaxear o persoal de cara á negociación do novo convenio colectivo en 2024. Ao mesmo tempo, anuncia que continuará coas protestas todos os mércores, coincidindo coas xuntanzas negociadoras tanto do ERE extintivo como do propio convenio.