Persoal de Tecnocom inicia xuntanzas coas forzas políticas para que pidan que o Sergas medie no conflito
No decurso da xuntanza, na que foron recibidos por Luís Villares, explicaron que TECNOCOM, empresa para a que traballan 18 persoas en Compostela, ten a concesión do servizo do soporte informático do SERGAS e que é o apoio máis inmediato para as e os profesionais do sistema sanitario.
Segundo Renato Núñez, secretario de Organización da CIG-Compostela, na entrevista sinalaron tamén que os traballadores/as desenvolven a súa actividade en xornadas de 24 horas, sete días á semana, con salarios que oscilan entre 700 e 850 euros.
Lembraron ademais que tras da reclamación da compensación por un festivo traballado, a empresa procedeu a unha modificación unilateral das quendas. Unha decisión que derivou na presentación dun conflito colectivo e no inicio de mobilizacións en demanda de compensacións por traballar en festivos e xornadas de verán e en demanda tamén de que se recuperaran as quendas que se realizaban antes desa modificación.
Represión sindical
Núñez engade que ademais se explicou que o vindeiro día 11 teñen convocada unha concentración contra a represión sindical, logo de ter recibido un comunicado da empresa ameazando aos traballadores/as e representantes sindicais que participaron nas mobilizacións convocadas.
Diante desta situación e da falta de vontade para buscar acordos por parte da empresa, solicitaron de En Marea que demande do Sergas, en sede parlamentaria, a súa mediación no conflito para que a dirección de Tecnocom se aveña a negociar e remate esta situación.