Persoal de Tecnocom concéntrase diante das instalacións da empresa para demandar a recuperación dos seus dereitos
Rubén Noya, traballador de Tecnocom, explica que tras das xornadas de folga convocadas a principios de setembro viu un directivo de Madrid, celebrouse unha reunión pero non se chegou a ningún acordo porque, “non había vontade pola súa banda de negociar”.
Noya considera que “viñeron facer un paripé” e lembra que despois desa xuntanza recibiron unha proposta por correo que estaba baseada nuns datos que non correspondían á realidade. Denuncia ademais que foron precisamente eses datos inexactos os que utilizaron para xustificar as modificacións impostas.
Para demostralo, os traballadores e traballadoras desta empresa, que ten a concesión do mantemento do soporte técnico informático de numerosas aplicacións do Servizo Galego de Saúde, decidiron solicitar os datos reais ao SERGAS.
Por iso seguen coas mobilizacións e teñen convocada folga indefinida as fins de semana desde o 24 de setembro. Por iso e porque desenvolven a súa actividade en xornadas de 24 horas, sete días á semana, cuns salarios de entre 700 e 850 euros. Unhas condicións laborais que os levaron a reclamar compensacións por traballar en festivos e xornadas de verán, ás que agora engaden a demanda do abono dos danos e prexuízos que a decisión unilateral de modificar as quendas e a forma de pago ocasionou ao persoal durante o tempo en que foi efectiva.
Ademais teñen convocadas novas mobilizacións, a primeira mañá diante do SERGAS, ás 12:00 e o sábado ás 12:00 diante do Psiquiátrico de Conxo.