Persoal de TECNOCOM apoiado pola CIG concéntrase diante da empresa para denunciar a represión sindical
Renato Núñez, representante da CIG, asegura que con ese escrito no que a empresa ameaza con impor medidas disciplinarias e legais aos traballadores/as e representantes sindicais, Tecnocom pretende amedrentalos para que cesen as mobilizacións.
Lonxe disto, o persoal, apoiado pola central sindical, continúa tanto coas mobilizacións como coas xornadas de folga nas fins de semana insistindo na súa vontade para negociar e denunciando a falta absoluta de interese para sentar á mesa e chegar a acordos por parte da empresa.
De feito, Noya lembra que a última xuntanza, na que non se chegou a ningún acordo porque “non tiñan vontade real de negociar”, tivo lugar a principios de setembro, e desde aquela non houbo ningunha máis.
Noya denuncia ademais que a empresa intentou xustificar a modificación unilateral das quendas baseándose nuns datos que non se correspondían coa realidade, porque estaban incompletos. “Nós sabemos cales son os datos reais e segundo os datos que eles enviaron estariamos incumprindo o servizo e, segundo o propio SERGAS, se eses datos foran así lle quitaría a concesión do mantemento do soporte”.
Xunto a isto Núñez lembra tamén que a semana pasada Tecnocom, nun intento de manipular á opinión pública e ao Sergas, emitiu un comunicado asegurando que tiña total dispoñibilidade para negociar. Unha información que foi desmentida pola CIG, que aportou un escrito remitido polo Consello Galego de Relacións Laborais no que indicaba que tiña que arquivar as actuacións “unha vez transcorrido o prazo concedido á parte empresarial sen prestar -esta- conformidade expresa” co seu inicio.
Diante desta situación os traballadores e traballadoras seguen coas mobilizacións coa indefinida as fins de semana desde o 24 de setembro. Lembran que desenvolven a súa actividade en xornadas de 24 horas, sete días á semana, cuns salarios de entre 700 e 850 euros.
O que reclaman é a restitución das condicións de xornada, horario, quendas, salario e forma de pago anteriores á modificación unilateral decretada pola empresa o pasado mes de agosto.
Xunto a isto teñen solicitadas xuntanzas cos grupos parlamentarios para que demanden do SERGAS que medie para solucionar o antes posible este conflito e xa se reuniron a semana pasada co grupo de En Marea e onte mesmo co BNG.