Persoal de seguridade consegue que se recoñeza o seu dereito a cobrar o “plus aeroporto Lavacolla”
O dereito do persoal de seguridade do aeroporto Rosalía de Castro a cobrar o denominado “plus aeroporto Lavacolla” con carácter retroactivo, desde xuño de 2018 vén de ser recoñecido en sentenza xudicial. CIG-Servizos de Compostela manifesta a súa satisfacción porque esta sentenza, conseguida grazas aos servizos xurídicos da CIG, supón para o colectivo recuperar un dereito que lles fora arrebatado.
CIG-Servizos de Compostela lembra que foi no ano 2008 cando se creou o plus denominado "plus Aeroporto Lavacolla", que cobraban as e os vixilantes asignados ao servizo encomendado por AENA de control de matrículas no aparcamento público, atención á sala de autoridades...
Denuncia que en 2016, AENA e o Ministerio de Fomento crearon un novo convenio para o persoal de seguridade dos aeroportos e que nese mesmo convenio, decidiuse crear un novo plus chamado "plus aeroportuario" que absorbía o anterior, que ascendía a 62€/mes en 15 pagas, acadando os 930€ anuais.
Desde a CIG sempre se considerou inxusto que se absorbera ese citado plus porque se entendía que, dese xeito, se volvían a vulnerar os dereitos do persoal coa súa merma económica nun sector bastante castigado. Por iso o colectivo decidiu loitar e denunciar a supresión dun dereito que era seu.