Traballadores/as de SEAGA exixen que a Xunta garanta igualdade de oportunidades no acceso ao SPDCIF
Traballadores e traballadoras de SEAGA concentráronse esta mañá diante da consellaría de Medio Rural, en Compostela, para exixir igualdade de oportunidades no acceso ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galiza (SPDCIF). A mobilización coincide coa folga indefinida que teñen convocada en demanda de que se aclare a situación na que quedarán os servizos de prevención e extinción de incendios, e nomeadamente esta empresa pública, e exixir garantías para o acceso do persoal ao SPDCIF.
O presidente do comité de empresa de SEAGA de Pontevedra, Josafat Puente, denunciou, no decurso da mobilización celebrada ás portas de Medio Rural, que a Xunta non ten contemplado, neste intre, que a experiencia acumulada polas traballadoras e traballadores da empresa pública, puntúe para as listas do SPDCIF ou para as prazas que se puideran convocar.
Puente lembrou que “as traballadoras e traballadores de SEAGA levamos moitos anos pedindo que os servizos de extinción se unifiquen e funcionen como un servizo público único. Agora a Xunta decide facelo pero non nos ten en conta a nós. Non pode ser que despois de 12 anos apagando lumes nas peores condicións non se nos teña en conta esa experiencia e non puntuemos para esas listas, quedándonos fóra dos servizos de extinción”.
Así as cousas, agardan o resultado da xuntanza que se celebrará este martes día 18 de setembro en Función Pública para saber se esa experiencia puntuará ou non. “Dependendo do que pase e mentres non haxa feitos avaliables e só palabras e boas intencións seguiremos coas mobilizacións e a folga”, afirmou Puente.
Seaga vai seguir levando obras de prevención e encargarase tamén da limpeza das franxas de seguridade, de acordo co convenio asinado entre Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Con todo, tampouco para estes labores se sabe con que persoal se vai contar. Por iso, para este caso, Josafat Puente defende que se recorra ao persoal fixo-discontinuo e non se limite a tirar de listas de temporais.
Mesma puntuación polos anos de experiencia acumulada en tarefas de extinción
Na xuntanza celebrada o pasado luns entre os representantes dos catro comités provinciais de Seaga, o director xeral de Función Pública, o director xerente de SEAGA e a secretaria xeral de Medio Rural foi onde se confirmou que o servizo de extinción pasará a realizarse baixo un mando único e con persoal propio, ademais de anunciarse a creación de 500 prazas de extinción que se dotarán con persoal procedente das listas de contratación da Xunta de Galiza.
Na práctica isto implica que máis de 500 empregados/as de SEAGA formados e profesionais deixan de prestar servizos na extinción. Por iso exixen a modificación inmediata do decreto que regula a contratación na Xunta, para que o persoal desta empresa pública poida computar a súa experiencia e acceder en igualdade de condicións a unha praza de extinción.