Persoal de Seaga denuncia a irresponsábel política forestal e de extinción de incendios da Xunta
Traballadores/as de Seaga concentráronse esta mañá diante da Dirección Xeral de Montes para reclamar unha política forestal e de extinción de incendios “responsábel” e planificada que atenda ás necesidades reais que hai para enfrontar os lumes que se están producindo nos montes galegos e a súa nova tipoloxía. Denunciaron ademais que malia manterse o alto risco de incendios, onte mesmo finalizaron os seus contratos 500 traballadores/as.
Así o explicou Pete Breas, delegado sindical da CIG en Seaga na provincia da Coruña. “Agora mesmo está ardendo medio país e a Xunta non responde á chamada da sociedade” asegurou. “Somos 500 traballadores da empresa pública de Seaga que rematamos a campaña e non temos orde de que nos volva contratar”.
Porén, a Xunta si renovou os contratos aos/ás motobombistas e emisoristas de 3 meses que tampouco teñen capacidade para enfrontarse a un lume se non hai brigadas de terra. De feito Breas advirte de que “estamos nun momento no que pode haber unha desgraza. Agora non está habendo vento e a Xunta está mirando pola ventá agardando que chova, pero esa non é unha política responsábel. Fai falta xente no monte para apagar o lume porque se comeza a haber máis vento pode producirse unha vaga de lumes moi importante e podemos ter un caso grave”.
O delegado da CIG lembra que en 2011 houbo unha vaga de lumes importante e para facer fronte a esa situación a Xunta renovara por un mes máis os contratos e denuncia que agora, malia a situación que se está a vivir “a consellaría non quere aportar os cartos necesarios para que volvamos a traballar”.
Situación descontrolada
O persoal de Seaga retrata unha situación descontrolada. A modo de exemplo Pete Brea sinala que este xoves mesmo houbo bastantes persoas afectadas por inhalación de fume e até ardeu un coche dunha brigada da Xunta.
A isto Josafat Puente, presidente do comité de Pontevedra engade que esta mesma mañá, ás oito horas, non había ningunha brigada dispoñíbel. “Iniciouse un lume ás cinco da madrugada e había un axente e unha motobomba pero estamos sen brigadas así que a provincia de Pontevedra non está atendida malia onte haber un lume en Baiona e hoxe en Baiona e Salceda”.
Puente matiza ademais que os vixiantes acaban de ser renovados pero “do persoal de terra non queda nin o de Tragsa, nin o dos concellos, nin o de Seaga. Queda o persoal da Xunta só”.
Malia isto, a única noticia que ten o persoal desta empresa pública é que a Xunta procedeu a desmontar o operativo e só ofertou 50 postos para traballar por obra, cousa que “nos parece irrisoria e demencial cando hai un colectivo que está traballando tres meses ao ano e quedan fóra de calquera prestación, malvivindo e volvendo tres meses a traballar na campaña seguinte”.
Prevención e formación
Diante desta situación, o persoal de Seaga exixe prevención real mais tamén que se estableza un protocolo axeitado á situación, tendo en conta que os lumes non son como antes. “Agora son auténticas tormentas de lume e non se adaptando a situación”, si Brea. “Precisamos máis tempo de traballo porque o monte así o require, pero necesitamos tamén formación nova e un servizo público único que estea formado e preparado para atacar ese tipo de lumes”.