Persoal de salvamento das praias da Coruña concéntrase en Riazor por unhas condicións dignas
Persoal da concesionaria do servizo de salvamento das praias da Coruña, Move Servicios de Ocio Y Deporte, concentrouse esta mañá na praia de Riazor en demanda de condciións laborais dignas. A mobilización é a antesala da folga indefinida á que están chamados os/as socorristas do concello da Coruña, a partir do vindeiro 18 de agosto.
O comité lembra que se viron obrigados a adoptar esta medida polos sucesivos incumprimentos laborais da empresa concesionaria do servizo profesional de salvamento das praias coruñesas. Denuncia ademais as “mentiras” da parte da empresa e lamenta que na xuntanza celebrada onte non se producira ningún avance que permitira desbloquear a actual situación.
Entre outros incumprimentos sinalan o relativo ao acordo de abono de horas extras; a falta de medios preventivos para levar a cabo o seu labor; o despedimento dun compañeiro e as sancións a outros cinco, con sancións de ata quince días de suspensión de emprego e soldo.
O comité de empresa asegura que todo iso estase facendo co coñecemento do concello, que tolera que o servizo se atope nun contrato de emerxencia (falta un mes para que termine) e que os medios non funcionen (seguen estragadas as motos de auga).