Persoal de prevención e defensa dos incendios reclama un servizo 100% público e con dignidade laboral

Manifestáronse en Compostela para denunciar a situación de abandono, a desigualdade e mala xestión por parte da Xunta de Galiza
Nacional - 30 Out 2025

Arredor de 400 profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) mobilizáronse este xoves dende a Consellaría de Medio Rural até o complexo administrativo de San Caetano para denunciar a situación de abandono, desigualdade e mala xestión por parte da Xunta de Galiza e que, ano tras ano, pon en risco a seguridade do persoal e da poboación. Durante a protesta, convocada pola CIG, reclamouse un servizo de extinción de incendios 100% público e único, no que todo o persoal teña as mesmas condicións laborais e salariais, se amplíe o tempo de traballo e se garanta a saúde e seguridade.

A mobilización realízase 15 días despois de rematado o dispositivo especial e sen que por parte do Goberno galego “se producise nin unha soa autocrítica ou asunción de responsabilidades polo acontecido este verán, cando persoal sen experiencia nin formación adecuada estivo dirixindo o lume ou traballando nas brigadas de extinción”, denunciou a secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos.

Neste senso, Xulio Saiáns, bombeiro forestal, puxo énfase en que situacións como as vividas neste verán evidencian a necesidade de contar cun operativo profesionalizado, que traballe todo o ano e en condicións de dignidade laboral e salarial. Salientou que a actividade non remata cando se extingue un incendio forestal, senón que cómpren tarefas de prevención continuadas que permitan mitigar a virulencia dos lumes.

Preto de 1.000 persoas deixarán de traballar o 15 de novembro

No SPIF traballan sobre 2.400 persoas das que unhas 983 deixarán o servizo o 15 de novembro. “Urxe realizar tarefas de restauración das zonas queimadas para evitar a contaminación das bacías da auga e este persoal que se vai debería estar facendo eses labores”, reivindicou Burgos. Fronte ao actual modelo que deriva parte do servizo aos Concellos mediante a subscrición de convenios de prevención e extinción, reclamou un servizo 100% público, único e profesional.

“Moitas veces os concellos subcontratan estes servizos e o que vemos é que no mes de agosto se incorporan persoas ás tarefas de extinción sen a formación adecuada. Isto é unha enorme irresponsabilidade porque pon en risco a estes compañeiros e compañeiras”, advertiu Burgos apuntando á virulencia que acadan os lumes. “Non se pode xogar así coa vida do persoal e da poboación que vive no rural”.

“É inadmisíbel que en plena vaga de incendios, no mes de agosto, se contrate a 200 persoas para unhas prazas que estaban sen cubrir”, engadiu Saiáns, quen reiterou a necesidade de cubrir todas as prazas e ampliar o tempo de traballo do persoal fixo-descontinuo dos oito aos 12 meses.

Estender o acordo de melloras

Sobre as condicións laborais, explicaron que no servizo hai persoal laboral “cunhas condicións de hai 20 anos” e persoal funcionarizado ao que se lle aplica un acordo de melloras. Por iso, outra das demandas do colectivo é estender este acordo a todo o persoal do SPIF e rematar coas discriminacións entre compañeiros/as que realizan as mesmas tarefas, pero cobran diferente e teñen condicións distintas.

Burgos criticou tamén a xestión que a Xunta fai do persoal tanto a nivel de contratación como na disposición da cobertura do territorio “que se reduciu ao 50% nos dous últimos anos”. Isto tradúcese, salientou, en maiores tempos de reacción.

Neste contexto, Saiáns e Burgos lamentaron que o Goberno galego, a diferenza doutros executivos autonómicos, non teña amosado ningunha disposición para sentar negociar a dignificación laboral deste colectivo, a ampliación do tempo dos contratos de traballo e como implementar a xestión.

“A extinción de incendios é un servizo público, hai que traballar sobre o territorio pero non se quere facer planificación preventiva. É urxente erradicar a precariedade laboral, facer unha boa xestión do territorio e do persoal. Por que se non hai un servizo profesionalizado, ben formado e espallado no territorio non se pode apagar o lume”, concluíu.