Persoal de Povisa mobilízase para reclamar a actualización do convenio colectivo, que leva 11 anos conxelado

Concentrouse diante do centro médico vigués, e este mércores 16 ten convocada unha manifestación

Vigo -

Un grupo de traballadores/as do hospital Ribera Povisa de Vigo desenvolveu hoxe unha mobilización ás portas do centro médico privado para reclamar a actualización do convenio colectivo, que leva 11 anos conxelado. O comité de empresa denuncia os escasos avances nos temas importantes que se produciron dende que comezaron as negociacións no mes de xaneiro do ano pasado.

A protesta de hoxe, que terá continuidade coa marcha convocada para este mércores 16 ás 18:00 horas dende a Praza dos Cabalos até Povisa, consistiu nunha concentración ás portas do centro médico e nunha manifestación posterior arredor do edificio. Previamente os empregados/as celebraron unha asemblea na que a representación sindical lles trasladou o estado das conversas.

De feito, as partes mantiveron unha xuntanza pola mañá para abordar cuestións relativas á xornada laboral, para o que se creou unha mesa de traballo ao efecto. A dirección insiste na necesidade de contar cunha xornada irregular e flexíbel, algo que rexeitan dende o comité. As conversas continuarán de novo este mércores 16, pero esta vez coa convocatoria da mesa de negociación do convenio.

Dende a sección sindical da CIG en Povisa sinalan que dende que comezaron os contactos en xaneiro do ano pasado os avances nos temas importantes (xornada e promoción interna) foron escasos, polo que inciden na necesidade de forzar a introdución de melloras para contar cun convenio digno. “O actual leva conxelado 11 anos, polo que en todo este tempo os traballadores/as non tiveron suba de soldos; a anterior dirección, en cambio, levou a cabo despidos e reducións de xornada antes de vender a empresa”.

Con todo, a cuestión salarial non é o tema principal das negociacións. Povisa aposta incluso por deixar o asunto para o final e pactar antes outros aspectos, o que faría variar a súa proposta en función dos acordos aos que se chegue. Por agora propón un incremento nas nóminas do 1% en 2021, do 1,5% en 2022 e do 2% en 2023.

Volver