Persoal de Povisa en loita por unha condicións laborais dignas: “O noso traballo merece mellor salario!”
Varios centos de traballadores/as do hospital Ribera Povisa de Vigo secundaron hoxe a convocatoria do comité de empresa e mobilizáronse ao berro de “O noso traballo merece mellor salario” para reclamar un convenio colectivo xusto que dignifique as condicións laborais.
A protesta, a primeira do calendario de mobilizacións anunciado recentemente pola representación sindical, desenvolveuse de 14:00 a 17:00 horas e consistiu nunha concentración diante do centro médico, con posterior manifestación polas rúas adxacentes.
A seguinte cita reivindicativa terá lugar este xoves día 13 no mesmo lugar e á mesma hora.
Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, explicaron que para este mércores hai fixada unha nova xuntanza da mesa negociadora do convenio, tras a que se celebrarán dúas asembleas de traballadores/as (ás 14:00 e ás 15:00 horas).
Se a empresa non achega unha proposta que satisfaga as pretensión dos traballadores/as as mobilizacións continuarán, ademais de iniciarse unha folga dende as 7:00 horas do vindeiro día 17 até as 22:00 horas do día 20, que pasará a ser indefinida a partir do 24. De feito, as partes pactaron onte os servizos mínimos que rexerán durante o paro.
Convenio vinculado ao concerto co Sergas
As conversas para renovar o convenio comezaron en 2021, mais en todo este tempo o acordo non foi posíbel porque a compañía vincula a súa negociación coa sinatura do concerto co Sergas.
“O único que houbo foi un preacordo o ano pasado para subir os salarios un 2,5% e o compromiso de que o persoal ao que se lle impuxeran as 35 horas pasara a 40, algo que se está a facer”, sinala a presidenta do comité, Chus Neira.
De feito, até o de agora a empresa insistía en que non podía presentar ningunha oferta económica, espera do que aconteza co concerto co Sergas. Mais na última xuntanza achegou unha proposta de suba salarial, que sería dun 3% para cada un dos anos 2023, 2024 e 2025, “cantidade que consideramos insuficiente”. Ademais Povisa pretende eliminar pluses como o de risco e o de distancia, e impedir que se poidan fraccionar as vacacións como queira o persoal.
O aumento de soldos ao que aspira a parte social sitúase no 5,5% para este ano e no 4% para 2024 e 2025, “cantidades que se poderían rebaixar en caso de que o resto de cuestións melloren”. Neste senso, lembran que o persoal de Povisa leva moitos anos sen suba salarial, o que lle supuxo unha perda moi importante de poder adquisitivo. “É necesario mellorar tamén as condicións laborais”, insisten.