Persoal de Poligal péchase na Xunta para esixir que se concreten os proxectos anunciados e se amplíe o período de consultas
Traballadores e traballadoras de Poligal mantiveron un peche este xoves no edificio da Xunta de Ferrol para esixir concreción nos proxectos presentados no marco da mesa técnica creada pola Administración, ante o remate do período de consultas do ERE de extinción este próximo sábado. O persoal acordou tomar esta medida de presión (que levantou pasadas as tres e medida da tarde) logo de que o administrador concursal (co que hoxe hai reunión de negociación do expediente) puxera en cuestión todas as alternativas baralladas nesa mesa do IGAPE.
No marco do peche, a representación social mantivo un encontro con Natalia Barros, directora do Plan Ferrol, a quen lle demandaron a concreción inmediata de tres cuestións que entenden fundamentais para dar credibilidade ás posíbeis solucións: o asinamento dos documentos de confidencialidade por parte de dous dos inversores que teñen mostrado interese na planta, que se trasladen de maneira fidedigna os proxectos interesados e que se concrete a data de visita dun posíbel inversor, preferibelmente antes de rematar o período de consultas do ERE. Visita que, lembra Alberte Amado, da CIG-Industria, xa foi anunciada hai semanas, mais aínda non ten data fixada.
Xunto a isto, Amado volveu reiterar a necesidade de que se amplíe o período de consultas de cara a facilitar a posta en marcha de calquera alternativa ao peche e analizar a súa viabilidade. “É imprescindíbel que nos dotemos de máis tempo para poder dar unha saída de futuro á planta e garantir os empregos. A Xunta e o Ministerio (que segue desaparecido malia a urxencia da situación) teñen que esforzarse ao máximo para lograr que as propostas se transformen en realidade. E para isto tamén é imprescindíbel que o administrador concursal acepte ampliar o período de consultas e así llo reclamamos na reunión deste xoves”, asevera Amado.
Subliñou que a comarca non se pode permitir o desmantelamento doutra industria máis, "sobre todo cando ao Grupo Peralada (propietaria as instalacións) recibiu numerosas axudas públicas, e se lle permitiu descapitalizar Poligal Narón para xustificar o peche e levar a produción fóra".
Logo dun receso para xantar, a mesa de negociacións do ERE continuará pola tarde.