Persoal de Poligal e do naval marcha xunto en defensa do emprego e o futuro industrial na comarca
Traballadores e traballadoras de Poligal, acompañados/as por persoal de Navantia e das súas auxiliares, manifestáronse este venres dende o Concello de Ferrol até os edificios da Xunta na cidade para esixir solucións que garantan o mantemento dos empregos e a continuidade da actividade produtiva nunha das plantas insignia da presunta reindustrialización da comarca. A marcha puña fin ao peche na casa do concello que na mañá de onte iniciaron un grupo de traballadores de Poligal, que se foron relevando ao longo da xornada para manter o encerro até a hora da manifestación.
Bernardo Cabezal, delegado da CIG no comité de Poligal, explicaba que se tomou a decisión de facer o peche durante un día no Concello de Ferrol por ser a cabeceira da comarca e logo saír en manifestación para reivindicar alternativas que garantan a continuidade dos postos de traballo e da produción.
"Consideramos que a fábrica ten viabilidade e esiximos ao goberno galego e estatal solucións para Poligal". De aí que Cabezal reclamara que na reunión desta tarde da mesa técnica creada pola Xunta "se nos dean respostas, iniciativas e traballo para que realmente esa mesa sirva para algo", aseverou.
Nesta liña, demandou das Administracións que inicien contactos coa empresa para que non presente un ERE de extinción e "para que se reverta a situación de Poligal, que se busque inversión (ben sexa con esta compañía ou con novos inversores) que dean viabilidade a fábrica".
A mobilización, o camiño para termos futuro
Ao remate da manifestación diante do edificio da Xunta, o secretario da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, subliñaba que a mobilización e a loita da clase obreira "é o único camiño para termos futuro nesta comarca". Lembrou que Poligal, ao igual que outros proxectos empresariais que xa foron pechando ou que nin sequera chegaron a iniciar actividade, naceu "da mentira da reconversión naval. Esta empresa é o resultado desas políticas que se iniciaron con esa mentira", afirmou.
Grandal fixo un repaso polos proxectos e plantas que naceron, para logo desaparecer, ao abeiro dos numerosos plans e axudas destinadas á comarca. "Quedaba Poligal como buque insignia desa reconversión. Unha empresa que foi montada cos cartos de todas e todos nós". Por iso insistiu na necesidade de continuar na mobilización e na loita "para sermos capaces de manter aberto este centro de traballo" e desmontar o concurso fraudulento a través do que o Grupo Peralada pretende deslocalizar a produción a outras plantas que ten en Portugal e Polonia.
"Nesta mentira hai culpábeis e cómplices"
"Poligal non pode pechar", aseverou, para a continuación denunciar que en todo esta proceso de desmantelamento industrial da comarca hai "culpábeis e cómplices, que incluso hoxe en día continúan gobernando tanto en Madrid como en Galiza". O secretario da CIG de Ferrol foi moi crítico coa política industrial da Xunta do PP, a que acusou de estar totalmente colonizada e "mirando para outro lado, mentres o tecido produtivo deste país desaparece".
Referiuse tamén á "tomadura de pelo" que supuxo a reunión convocada o pasado mércores no Ministerio de Industria, na que presuntamente ía participar a empresa, cando na realidade o Goberno nin sequera convidou á dirección á asistir. "Nós temos claro que hai que dicir basta e non podemos seguir participando deste paripé".
"Queremos vivir e traballar na nosa comarca porque é un dereito que temos e ese é o obxectivo que nos ten que mover. A loita de Poligal, a loita de Alcoa, a loita de Ferroatlántica, a loita dos traballadores e traballadoras do naval pedindo carga de traballo ten que ser a loita de todas e todos nós", concluíu.