Persoal de Otis en folga concéntrase diante da compañía en Vigo en defensa dos seus dereitos laborais
Persoal de Otis en Vigo mobilizouse hoxe diante das instalacións da empresa na cidade coincidindo coa folga convocada a nivel estatal contra a intención da compañía de desmantelar o convenio colectivo vixente na empresa dende 1979 “para comezar de cero” cun acordo que empeore as condicións de traballo. De feito, a dirección xa leva tempo atacando os dereitos do cadro de persoal aproveitando tanto a pandemia como o feito de que o convenio leva caducado dende decembro de 2019.
Neste contexto está a obrigar os técnicos/as a realizar labores comerciais, ao tempo que aumentou o número de ascensores que ten que atender cada operario/a. “Pero a xente aguanta porque ten medo de rematar na rúa, como lle aconteceu a 17 persoas no verán do ano pasado”, sinalan traballadores/as de Otis afiliados á CIG. Posteriormente a compañía continuou despedindo persoal sen causas xustificadas, sumando 10 novas rescisións de contrato.
Diante disto, o cadro de persoal optou por convocar varios días de folga a nivel estatal e mobilizacións como a que hoxe tivo lugar en Vigo, onde o seguimento do paro foi total entre os 30 traballadores/as do taller, mentres que unicamente se presentaron no seu posto os 10 de oficinas.
Tanto as xornadas de folga estatais como as protestas continuarán nos vindeiros días.