Persoal de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra mobilízase en Vigo nunha xornada de folga por un convenio digno

A CIG convocou un paro parcial de catro horas e unha manifestación ante a negativa da patronal a retomar as negociacións
Vigo/Pontevedra - 18 Out 2024

Persoal do sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra mobilizouse hoxe en Vigo coincidindo co paro convocado pola CIG ante a negativa da patronal a retomar a mesa negociadora do convenio. As protestas volven despois de que o empresariado nin sequera aceptase participar nunha mediación do AGA no Consello Galego de Relacións Laborais.

Neste contexto a central sindical celebrou varias asembleas abertas, nas que os traballadores/as decidiron desenvolver un paro parcial inicial de catro horas este venres “para alzar a súa voz e saír á rúa”, tal e como fixeron varios centos de traballadores/as este mediodía na cidade olívica. 

A CIG convoca novas asembleas de traballadoras/es o martes 22 nos locais da central en Pontevedra e Vigo ás 20:00 horas

“É a patronal -a Confederación de Empresarios/as de Pontevedra- a que, de xeito unilateral, se levantou da mesa de negociación suspendendo a súa continuidade; a mesma patronal que na última reunión achegou unha proposta económica con salarios inferiores ao SMI, propoñendo unha suba para 2024 dun 10% sobre a táboa salarial de 2012”. Ademais pretende conxelar a antigüidade, “un complemento que permitiu que os salarios brutos non ficasen de facto conxelados e que a perda de poder adquisitivo non fose maior da que xa era”.

Por iso a CIG chama o conxunto do persoal a continuar mobilizándose na defensa dos seus dereitos para dicirlle “alto e claro” ao empresariado que “queremos un convenio e unhas condicións salariais xustas e dignas e que xa non aturamos máis”.