Persoal de oficinas e despachos: “Convenio digno, convenio xa"
Un nutrido grupo de traballadoras e traballadores do sector de oficinas e despachos mobilizouse hoxe en Pontevedra e Vilagarcía convocado pola CIG para forzar a negociación do convenio provincial, que leva caducado dende o ano 2012.
As protestas para reclamar unha mellora das condicións laborais deron comezo ás 15:00 horas diante da sede da Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa da Provincia de Pontevedra (AEMPE), en Pontevedra, e na Praza Ravella, en Vilagarcía. No caso de Pontevedra tivo lugar tamén unha manifestación polos arredores da sede da patronal, mentres que en Vilagarcía se celebrou ademais unha asemblea previa. En ámbalas dúas mobilizacións so berros máis escoitados foron “convenio digno, convenio xa” e “patronal, escoita, estamos en loita”.
O pasado 19 de xaneiro xa tivera lugar unha asemblea de traballadores/as do sector en Pontevedra na que se abordou o estado de conxelación no que se atopa o convenio colectivo provincial, sen negociar dende 2012 pola ausencia de interlocución tras a disolución da patronal, tendo a Confederación de Empresarios de Pontevedra que asumir ese papel. “É por iso que ante o escenario no que nos atopamos, na CIG temos a convicción de que a única vía para acadar as melloras que merecemos é a de mobilizarnos”.