Persoal de Naturgy protesta nos xulgados de Ourense contra a represión sindical
Un grupo de traballadores e representantes sindicais da CIG en Naturgy (antiga Fenosa) mobilizouse onte diante dos xulgados de Ourense para denunciar a represión sindical na empresa. A protesta coincidiu coa celebración do acto de conciliación no SMAC previo ao xuízo pola sanción a un ex delegado da CIG.
Dende a CIG-Industria explican que a compañía está a aplicar unha política de sancións totalmente desproporcionadas en relacións aos feitos e baseadas en mentiras e falsidades, ao tempo que consideran que a decisión da empresa ten que ver coa actividade sindical que desenvolvía o afectado.
A concentración diante do edificio xudicial, na que participaron compañeiros da sección sindical de Naturgy na Coruña, celebrouse coincidindo co acto de conciliación no SMAC, que rematou sen acordo. A central sindical xa anunciou a súa intención de convocar unha nova protesta o día no que teña lugar o xuízo.