Persoal de Naturgy manifestarase en Compostela contra o desmantelamento da empresa en Galiza
Traballadores e traballadoras de Naturgy manifestaranse o vindeiro sábado, ás 11:00 horas, en Compostela contra o desmantelamento da empresa en Galiza e dos despedimentos masivos. A mobilización sairá ás 11:00 horas da Alameda compostelá.
O persoal rexeita a decisión da empresa de pechar instalacións e deslocalizar a prestación do servizo a Madrid, malia as consecuencias que esta medida ten sobre o emprego e sobre a calidade do subministro que se presta ás galegas e galegos, atendendo á posición maioritaria de Naturgy no mercado eléctrico en Galiza, tanto na produción como na distribución.
A CIG denuncia que a decisión de Naturgy afonda no desmantelamento industrial e na destrución de emprego cualificado e de calidade en Galiza e coincide de cheo cun proceso de transición enerxética que para o noso país está sendo un auténtico proceso de reconversión.
Naturgy leva décadas obtendo millonarios beneficios a conta de explotar os nosos recursos naturais. Malia isto, permíteselle actuar con tal impunidade que nin sequera tivo que asumir as consecuencias do peche da central de Meirama, ao contrario, seguirá mantemento unha posición de privilexio grazas á construción de novos parques eólicos e a produción de renovábeis.
As empresas enerxéticas son ademais as que capitanean esta transición en función dos seus intereses, sen que até o momento se puxeran en marcha políticas públicas que senten as bases dun novo modelo, que garantan a enerxía como un ben social e permitan que a riqueza que se xera no noso país reverta no mantemento do tecido produtivo e do emprego, e no desenvolvemento económico e social da nosa terra.