Persoal de Meirama exixe respostas do ministerio de Transición Ecolóxica, da Xunta e de Naturgy
O comité de empresa e traballadores/as de Meirama percorreron a pé o camiño que hai desde Mesón do Vento até Cerceda para exixir ás distintas administracións e á propia Naturgy respostas diante da situación de indefinición na que se atopa a planta e a falta de garantías para os postos de traballo. Á súa chegada a Cerceda compareceron en rolda de prensa onde recibiron o respaldo dos alcaldes de Ordes e Cerceda.
Segundo explicou o presidente do comité e representante da CIG, Bautista Vega, con esta marcha a pé, o persoal de Meirama quere exixir da ministra de Transición Ecolóxica que explique a que se prevé destinar as subvencións aos centros afectados e a canta cantidade ascenden. “Queremos que nos aclare para que son os cartos que dixeron que ía a haber para as comarcas afectadas polo peche provocado pola transición do carbón para producir enerxía eléctrica e que de que cantidade de cartos estamos a falar”.
Xunto a isto Vega exixiu da Xunta de Galiza que presione a Naturgy para que instale outro tipo de tecnoloxías que permitan manter os postos de traballo. “Pode ser a biomasa, que se ben non mantería todos, si garantiría parte dos postos de traballo tanto da empresa principal como da auxiliar e manter o enclave produtivo”.
Ademais lembrou que Naturgy, no seu día, anunciou que habería unha serie de investimentos dos que non se volveu a falar. Por iso demandou da empresa que expliquen de que tipo de investimentos se estaría a falar e cantos postos de traballo conlevarían. “Queremos tamén que haxa un compromiso real de recolocación de todo o persoal, que non pode desvincularse, en Galiza”.
Consecuencias para as comarcas
A central de Meirama, propiedade de Naturgy é unha instalación “estratéxica para a xeración da enerxía eléctrica no noso país”, explica Vega Tato. O seu peche causaría un grave impacto económico e laboral nas comarcas afectadas, na provincia da Coruña e en xeral en Galiza, “que pode pasar de ser excedentaria na produción de enerxía eléctrica a ser deficitaria”, alerta.
De se levar a cabo o cese de actividade, afectaría a uns 100 postos de traballo directos, outros tantos das auxiliares e os negocios xerados arredor da empresa. Por iso hoxe recibiron o apoio dos alcaldes de Cerceda e Ordes, que serían as comarcas nas que causaría maior impacto.
O comité de empresa levan tempo demandando da Xunta de Galiza que lidere unha gran comisión que, tendo en conta a importancia do carbón mix enerxético, deseñe unha transición enerxética razoable e sostible no tempo, cara outras tecnoloxías.
Comisión de transición enerxética
O presidente do comité explica que nesa comisión terían que estar a Xunta, os concellos afectados, os sindicatos representantivos de Galiza, os partidos políticos con representación parlamentaria e os comités de empresa afectados, así como os centros de investigación e desenvolvemento económico e enerxético.
Desde o momento en que entrou en vigor a Directiva europea de emisións industriais, en 2016, o comité comezou a mobilizarse para que se fixeran os investimentos necesarios para manter o planta de Meirama e garantir todos os postos de traballo. Á vista da inacción da empresa, mesmo chegaron a pecharse no concello de Ordes para que, desde as institucións, se presionara á multinacional para que cumprira cos seus compromisos.
Bautista Vega, lembra que, de feito, en xaneiro de 2015 o Consello de Administración de Gas Natural Fenosa, reunido en Compostela e presidido polo daquela presidente da eléctrica, Salvador Gabarró, acordara realizar as obras de transformación necesarias para adaptar ás exixencias comunitarias a central de carbón de Meirama. “Daquela o Presidente da Xunta apresurouse a anuncialo en rolda de prensa acompañado polo propio Gabarró. Polo que vemos agora non se lembra de obrigar á empresa a cumprir aquel compromiso”.
O presidente do comité denuncia que Galiza, durante moitos anos, “sufriu as consecuencias da produción de enerxía eléctrica por queimar lignito pardo e seguimos pagando a corrente como todo o Estado, a pesar de que hai comunidades que non producen un só quilowatio”. Porén, denuncia, “agora que se podería producir reducindo moi considerablemente a contaminación, por falta de investimento, queren pechar a planta”.
Normativa europea
A directiva europea de emisións industriais entrou en vigor en 2016. Dá ás empresas un prazo máximo para facer as reformas necesarias para reducir esas emisións. Do contrario, obriga a pechar as plantas que non se adapten aos requisitos previstos. Aquelas que se acolleron ao Plan Nacional Transitorio teñen até o 2020 para adaptarse e facer os investimentos necesarios. Hai outro plan, que sería por exención por vida útil e que afecta a centrais que terían que deixar de producir a partir do 2023 ou de 17.500 horas.
Meirama acolleuse ao primeiro Plan e, polo tanto, tería que facer esas reformas de adaptación á normativa comunitaria antes do 2020. Porén, levan agardando desde 2015 por eses investimentos.