O servizo de mantemento dos equipos electromédicos do CHUO, en pé contra os incumprimentos de convenio

A CIG-Industria reclámalle a AGENOR unha mellora das condicións laborais do cadro de persoal para garantir a calidade do servizo
Ourense - 27 Nov 2026

O persoal de AGENOR, contrata do mantemento dos equipos electromédicos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU), desenvolveu onte unha mobilización no centro sanitario convocado pola CIG-Industria para denunciar os reiterados incumprimentos do convenio provincial do metal por parte da empresa.

Durante a mobilización as persoas traballadoras corearon consignas como 'AGENOR escraviza, o SERGAS autoriza' para evidenciar o seu rexeitamento a unha situación de precariedade que consideran “insostíbel” e que non só afecta aos seus dereitos laborais, senón que tamén repercute na calidade e seguridade dun servizo esencial para o funcionamento da sanidade pública.

Dende a central sindical poñen o foco na falta de persoal para cubrir as necesidades de mantemento de todo o complexo hospitalario, nas discriminacións existentes nas categorías profesionais e nas desigualdades salariais respecto do persoal doutras empresas que prestan servizos no mesmo centro, especialmente no pagamento do plus de perigosidade e dos complementos correspondentes ao traballo en festivos e fins de semana.

Unha situación que supón un grave prexuízo para as persoas traballadoras de AGENOR, que ven como non se respectan as condicións laborais, mentres desenvolven unha actividade fundamental para o correcto funcionamento das instalacións hospitalarias como é o mantemento dos quirófanos. A CIG-Industria sinala tamén a responsabilidade do SERGAS á hora de velar por que as empresas adxudicatarias cumpran coas súas obrigas laborais e garantan unhas condicións dignas para o persoal.

Rematar coas discriminacións

Diante disto, esixe o cumprimento íntegro do convenio provincial, o fin das discriminacións profesionais e salariais, o recoñecemento e pagamento de todos os complementos que correspondan, unhas condicións laborais dignas e igualdade de trato, así como unha dotación de persoal suficiente para garantir o correcto mantemento de todo o centro sanitario e a seguridade e calidade do servizo.

“Non imos permitir que se normalice a precariedade nun servizo público esencial nin que se vulneren os dereitos das persoas traballadoras. A mobilización de hoxe é unha mostra da unidade e da determinación do persoal para defender unhas condicións laborais xustas”, rematan.