Persoal de mantemento do CHUO forza unha reunión con Ferrovial tras mobilizarse na sede da empresa en Vigo
O cadro de persoal de Ferrovial Servicios, concesionaria do servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), forzou hoxe unha xuntanza coa dirección tras desenvolver unha mobilización na sede central da compañía, en Vigo. A protesta, na que tamén participaron delegados/as da CIG-Industria, coincidiu coa primeira xornada de folga indefinida -que foi secundada por 13 dos 14 traballadores/as- convocada para reclamar o cumprimento do convenio e denunciar discriminación laboral.
Empregados/as do servizo de mantemento do CHUO e delegados/as da CIG-Industria accederon ao edificio que acolle as instalacións da empresa en na Avenida de Madrid pasadas as 11:00 horas, aínda que non puideron traspasar a porta das oficinas porque a empresa situou a dous gardas de seguridade para impedirlles o acceso.
Alí permaneceron un tempo berrando consignas mentres o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, falaban por teléfono cos responsábeis de Ferrovial para concretar unha xuntanza, que finalmente se celebrará este martes 27 en Vigo a partir as 12:00 horas.
A protesta, na que tamén participaron os secretarios nacionais da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, e os comarcais de Ourense, Anxo Pérez Carballo, e Vigo, Alberto Gonçalves, continuou despois nos exteriores do edificio unha vez confirmada a celebración da reunión. Dende a representación da CIG no comité de Ferrovial explican que a concentración convocouse diante da actitude de “prepotencia e ninguneo” da dirección con respecto ao cadro de persoal tras cinco xornadas da folga e numerosas mobilizacións.
Lembran que entre as principais reivindicacións do cadro de persoal, que hoxe secundou masivamente o primeiro día de folga indefinida, atópanse o cumprimento do convenio colectivo, o remate da discriminación laboral con respecto a operarios/as doutros centros sanitarios da provincia e a necesidade de contratar máis persoal. Ao mesmo tempo, denuncian que a empresa está a presionar os traballadores/as para que abandonen as mobilizacións, “algo que non temos pensado facer mentres non se atendan as nosas xustas demandas”.