O persoal do servizo de mantemento do CHUO denuncia a falta de vontade negociadora de Ferrovial
O persoal de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) vén de denunciar publicamente a falta de vontade negociadora de Ferrovial, concesionaria do servizo, despois de que a representación da empresa abandonase a mesa tras presentar un escrito no que se mencionaban supostas sabotaxes ocorridas nas instalacións do centro sanitario.
Dende a CIG-Industria critican a actitude da compañía, que decidiu interromper as conversas na segunda cita do calendario de xuntanzas pactado entre as partes. “Non se entende a entrega deste escrito, a non ser que se queira culpabilizar destes incidentes os traballadores/as sen ningún motivo, xustificación ou proba”.
Entenden que con este xeito de proceder o único que a empresa demostra é a súa intención de non negociar e de non ofrecer ningunha solución ao conflito laboral. Diante disto, os empregados/as de mantemento anuncian a súa intención de continuar coa folga indefinida -que hoxe cumpre un mes- e reiteran a súa vontade de retomar as negociacións a pesar do “inoportuno” abandono da mesa por parte da dirección “posto que os traballadores/as querían expoñer novas propostas que flexibilizan posturas anteriores co ánimo de chegar a unha solución dialogada”.