O mantemento de parques e xardíns de Vigo mobilizarase contra os incumprimentos da empresa concesionaria
O cadro de persoal de Valoriza, concesionaria do mantemento de parques e xardíns do Concello de Vigo, iniciará mobilizacións diarias a partir do vindeiro mércores en resposta aos incumprimentos por parte da dirección, que se nega a facilitar a información que solicita o comité e está a facer cesión ilegal de traballadores/as. Ademais, a representación sindical denuncia o deterioro do servizo como consecuencia da falta de persoal, até o punto de que a empresa está a utilizar a xardineiros/as como socorristas nas piscinas para non ter que contratar máis empregados/as.
A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, compareceu hoxe en rolda de prensa co presidente do comité de empresa de Valoriza, Alfredo Filgueiras (CIG), e co resto de delegados/as da central para explicar a problemática laboral e anunciar que o vindeiro martes o comité -con maioría de CIG e CCOO- convocará os traballadores/as a unha asemblea para decidir a duración das protestas, aínda que nun principio barallan que sexan dunha ou dúas horas diarias tanto na empresa como no Concello.
O motivo, os reiterados incumprimentos de Valoriza, que se nega a facilitar información económica, de absentismo ou sobre os contratos, tal e como establece o artigo 64 do Estatuto dos Traballadores/as. Ademais, está a facer cesión ilegal de traballadores/as, obrigando a un condutor de camión a trasladarse até o concello de Poio, one a empresa ten outra concesión. “E cando o presidente do comité lle dixo á dirección que non podían facelo cambiaron o condutor e mandaron outro no seu lugar”, denuncian.
Diante disto, presentaron reiteradas denuncias diante da Inspección de Traballo, que instou a empresa a informar ao comité, “pero seguimos agardando”. Ao mesmo tempo, censuran que se estea a dar un exceso de horas extra e lembran que o convenio colectivo expirou en 2015, polo que o persoal está dende entón co salario conxelado. Todas estas cuestións foron postas en coñcemento do edil de Parques e Xardíns, “mais vemos demasiado compadreo entre a empresa e o Concello, até o punto de que é frecuente ver xuntos ao concelleiro e ao ex xerente de Cespa -unha das anteriores concesionarias-, que foi contratado pola nova empresa a pesar de estar imputado na operación Patos por presunta corrupción”.
Deterioro do servizo
Alertan ademais sobre o deterioro cada vez maior do servizo, “con zonas verdes sen matemento e sen regar axeitadamente” como consecuencia da falta de contratación, circunstancia que está detrás do peche dunha das piscinas de Samil. “Non é por unha avería como din os responsábeis municipais, senón que se debe a que non queren contratar ás tres persoas que serían necesarias para mantela aberta”. De feito, sinalan que a empresa utiliza a xardineiros/as que teñen titulación de socorrista para vixiar as piscinas, en lugar de contratar os 17 traballadores/as para esta función que fixa o prego de condicións. Segundo os cálculos da representación sindical, dos 110 empregados/as da concesionaria, “unicamente menos de 40 estarían en activo nestes momentos na cidade”.
Finalmente, amosaron a súa estrañeza polo feito de que a concesión non fose retomada de novo por Althenia -a anterior concesionaria- unha vez que o TSXG revogou a concesión a Valoriza. “Pero o prego de condicións co que se presentara Althenia xa non existe, porque o Concello pactou outras condicións con Valoriza, así que agora están a negociar unha serie de aspectos que o Goberno local vai ter que aceptar para dar cumprimento da sentenza”, rematan.