Persoal de Maitours, do Grupo Alsa, demanda a aplicación do convenio provincial
O persoal de Maitours -Grupo ALSA-, en folga indefinida desde o pasado día 15 de xullo, concentrouse esta mañá diante do edificio da Xunta en Ferrol en demanda da inmediata aplicación do convenio provincial, nomeadamente en materia económica, para que se dea cumprimento ao que di a lexislación laboral: que ningún convenio de empresa pode estar por debaixo do provincial.
O servizo do transporte de viaxeiros/as por estrada de Ferrol e comarca préstao unha UTE formada por Maitours e Intercar. Aínda que ambas empresas pertencen ao grupo Alsa e o persoal realiza o mesmo traballo, Maitours aplica o convenio da extinta Tranvías de Ferrol, mentres que Intercar aplica o convenio provincial do sector, con mellores condicións económicas e laborais.
Esta diverxencia implica que, ademais de non ter as subas salariais recollidas no convenio provincial, o persoal de Maitours tampouco ten recoñecidos conceptos como dietas ou antigüidade. Isto supón que un traballador de Maitours con 18 anos de antigüidade está a cobrar arredor duns 1.200 euros brutos, o que provoca unha diferenza de entre 400 e 600 euros co resto do persoal ao que se lle aplica o convenio provincial.
Ningún convenio de empresa por debaixo do provincial
Examinada esta situación polos servizos xurídicos da CIG e a Inspección de Traballo, ambas as partes conclúen que a recente reforma laboral obriga a que se pague polo convenio provincial e non polo convenio de empresa, porque os salarios, tal e como contempla a nova lexislación laboral, non poden ser inferiores.
Porén, segundo explica Xesús Pastoriza, a empresa segue escudándose nunha sentenza anterior a esa reforma, ditada a raíz do conflito colectivo presentado pola negativa de Maitours a asumir as condicións contempladas no convenio provincial. A sentenza recoñece que o convenio polo que se debe regular Maitours é o do transporte de viaxeiros/as da Coruña, mais deixa a materialización deste cambio á súa publicación do convenio no BOP.
Pastoriza cuestiona, non xa que se incumpra a lexislación vixente, senón que mesmo se negue a equiparar as condicións económicas cando o que si que se publicaron foron as táboas salariais. “Entendemos que unha vez feita pública a parte económica tería que facerse efectivo de inmediato en materia de salarios, antigüidade, dietas e demais”.
Malia isto, non hai ningunha novidade na folga. “Tivemos unha mediación que durou unha hora, porque a empresa se negou a entrar nas cuestións económicas. Non se negociou nada, cando as partes están obrigadas a negociar de boa fe”, denuncia Pastoriza.
Por iso levaron as súas protestas ao edificio da Xunta en Ferrol. “Entendemos que este é un contrato da Xunta, pero a administración está desaparecida e ten que estar neste conflito porque ten responsabilidades”.