Persoal de Linorsa reclama o pago dos salarios pendentes cunha protesta diante da empresa en Vigo
A federación de Servizos da CIG de Vigo promoveu a concentración diante das instalacións de Linorsa na estrada do Vao, en Coruxo, para denunciar que boa parte do persoal da empresa en Galiza aínda non cobrou os 15 días que se lles adebeda de salario, a extra de Nadal e os atrasos do convenio provincial de Limpeza correspondentes aos anos 2014 e 2015.
As únicas traballadoras/es que cobraron todas as débedas foron as adscritas aos colexios públicos e ás dependencias municipais viguesas, mentres que as dos Xulgados, centros de saúde e museos aínda están pendentes. “En total cobrarían unhas 280 empregadas/os das arredor das 1200 que ten a empresa no conxunto do país”, indican dende a CIG-Servizos.
A secretaria comarcal da federación en Vigo, Transi Fernández, lembra que contan con dúas resolucións da Inspección de Traballo mediante as que se sanciona a empresa con faltas moi graves. “Trasladámosllas ao Goberno local e solicitamos unha xuntanza co concelleiro responsábel da xestión dos pregos de condicións, pero aínda non nos respostaron, como tampouco o fixo a empresa”, explica. Neste senso, adiante que agardarán a ver que sucede a partir deste xoves, da ta na que expira o actual convenio entre o Concello e a compañía.
Segundo indican dende a central nacionalista, a protesta de hoxe fai parte da campaña de mobilizacións convocada pola CIG para conmemorar o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, e que inclúe asembleas de delegados/as como a que tivo lugar no día de onte, concentracións e manifestacións.