Persoal de limpeza do campus universitario de Pontevedra mobilízase para reclamar o pago dos atrasos
Persoal do servizo de limpeza do campus universitario de Pontevedra desenvolveu hoxe unha concentración diante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para reclamarlle á empresa concesionaria, Star Servicios, que lles abone os atrasos pendentes derivados da actualización salarial do convenio colectivo.
Os traballadores/as afectados/as aproveitaron a visita do reitor da Universidade de Vigo para mobilizarse e visualizar deste xeito a problemática que padecen como consecuencia das débedas que a empresa mantén con eles/as, xa que non actualizou os soldos en base ao convenio pactado.
Dende a CIG-Servizos de Pontevedra explican que o convenio provincial de limpeza, que se asinou o pasado mes de xuño, recollía unha suba salarial con afectos retroactivos para todo 2018 e 2019. Nese momento produciuse a adxudicación do concurso de limpeza da Universidade de Vigo, no que Star Servicios quedouse coa concesión do campus de Pontevedra e de Torrecedeira en Vigo.
Posteriormente quedou fóra do concurso por problemas administrativos, e pactou co comité de empresa (maioría de independentes) que non vai pagar os atrasos en tempo e forma, senón que o fará en 12 mensualidades. “Pero faino sen presentar ningunha documentación que xustifique que ten débedas cos clientes, como aseguran”, denuncian dende a CIG-Servizos.
Agora vén de ingresar as nóminas do mes de outubro tamén sen actualizar, polo que as débedas con cada un dos 40 traballadores/as (31 en Pontevedra e 9 en Vigo) ascenden a arredor de 1000 euros. “Diante disto, pedimos que lles reteñan a fianza, pero non nos contestaron; e estamos á espera de que entre a nova empresa, xa que estaba previsto que o fixese en outubro, pero aínda non sabemos nada”, rematan dende a CIG.