Persoal de limpeza de Correos mobilízase en Pontevedra para reclamar o cobro dos seus salarios
Traballadoras e traballadores de JCórdoba (SCT) mobilizáronse esta mañá diante da oficina principal de Correos, na rúa Oliva de Pontevedra, para exixir á empresa que abone de inmediato a nómina do mes de xullo. O persoal desta concesionaria xa se vén mobilizando en toda Galiza para denunciar os continuos atrasos, que agora xa son impagos, e apunta como responsable a Correos por presentar o concurso á baixa e aceptar a aínda máis baixa proposta desta empresa.
Segundo explican representantes da CIG, a situación é tal que as propias traballadoras teñen que poñer o material necesario para desenvolver o seu traballo, desde fregonas, até produtos de limpeza. A isto engádese a enorme precariedade dos contratos. “Hai mesmo xente con contratos de 20 minutos, que é o tempo que a empresa calcula para facer a limpeza dunha oficina pequena”. E tamén hai quen ten varios de 20 minutos para facer a limpeza en varias oficinas pequenas e vese na obriga de coller o seu propio coche para trasladarse dunha a outra oficina cun contrato destas características.
A CIG-Servizos denuncia que os problemas comezaron xa no momento da propia licitación, á que só concorreu esta empresa debido á deficitaria oferta económica do contrato. Un cocurso ao que nin sequera se presentou a empresa que xestionaba o servizo até ese momento.
Xunto a isto denuncia que a gañadora do concurso, para conseguir a concesión, presentou unha oferta con “baixa temeraria”, isto é, por debaixo dos custos reais do mantemento do servizo e dos salarios e agora as consecuencias páganas as traballadoras. O pasado 1 de xuño a empresa comunicou a súa intención de non abonar os salarios alegando que o contrato non cubre os custes.
A situación afecta ás traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza das dependencias de Correos das catro provincias e repítese en todos os lotes do servizo de limpeza de Correos que a empresa ten adxudicados no Estado. Por iso responsabilizan a Correos primeiro por sacar a concurso unha concesión infradotada economicamente e por adxudicarlla, despois, a unha empresa que presentou unha oferta con baixa temeraria.