Persoal de INDEA clama en Ourense contra o despido dunha compañeira: “Enfermar non é un delito!”

A CIG-Industria convocou unha concentración esta mañá diante da empresa da automoción no polígono de Pereiro de Aguiar
Ourense - 11 Xun 2026

Persoal da empresa de automoción INDEA de Ourense (antiga Hispaplastic) desenvolveu hoxe unha concentración diante das instalacións da compañía no polígono de Pereiro de Aguiar ao berro de “enfermar non é un delito” para reclamar a readmisión dunha compañeira despedida por causa dunha lesión laboral.

Dende a CIG-Industria explican que a compañía, agora propiedade da transnacional SAPA, rescindiulle o contrato unha vez que a empregada -afectada de epicondilite, unha lesión causada polo traballo repetitivo na cadea de inxección- solicitou unha adaptación do seu posto. A empresa negoulle a adaptación e, semanas despois, ingresoulle un finiquito e unha carta de despedimento obxectivo por ineptitude sobrevida. “Chámanlle ineptitude ao que eles mesmos fixeron: destruír a súa saúde”, denuncian.

Na central sindical lembran que a traballadora desenvolveu unha lesión musculoesquelética crónica pola natureza do seu traballo, “polo que pediu o que é un dereito: a adaptación do posto. Pero a empresa negoulle ese dereito e converteuna en culpábel da súa propia lesión para xustificar o despedimento”.

Unha actuación empresarial que a central non considera xestión de recursos humanos senón “violencia laboral”. Neste senso, sinalan que “o patrón é claro: SAPA absorbeu Megatech, que ten outra planta de inxección de plástico xusto en fronte de INDEA. Nos próximos meses haberá axustes de persoal, cambios de categoría e movementos entre empresas. Esta traballadora é a primeira, pero non vai ser a última se non nos opoñemos a esta política empresarial”.

Polo que durante a mobilización demandouse a readmisión inmediata da traballadora despedida, a adaptación real dos postos de traballo sen represalias e que as lesións musculoesqueléticas derivadas do traballo repetitivo sexan recoñecidas e tratadas como enfermidades profesionais, así como garantías fronte aos procesos de reestruturación nos que está inmersa a compañía.