Persoal de incendios mobilízase en Ourense para reclamar un servizo público, digno e profesional

A protesta convocada pola CIG diante da delegación da Xunta coincidiu cunha reunión na que participaba a conselleira de Medio Rural
Ourense - 06 Nov 2025

Un grupo de persoas traballadoras do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDIF) mobilizouse hoxe en Ourense convocado pola CIG para reclamar un servizo público, digno e profesional que estea operativo durante todo o ano. A protesta tivo lugar diante da delegación da Xunta coincidindo cunha xuntanza na que participaba a conselleira de Medio Rural. Nos próximos días desenvolverán novas accións e asembleas por todo o país.

Dende o sector de Autonómica da CIG-Administración lembran que na recente vaga de lumes arderon só en Ourense 107.600 hectáreas, o 14,7% da provincia, “e a Administración segue paralizada ante esta catástrofe ambiental e humana”. Neste senso, denuncian a situación de “abandono, desigualdade e mala xestión” que padece o persoal de SPDIF, provocando que ano tras ano, tal e como sucedeu este verán, “se poña en risco de morte a nós e á poboación".

Polo que insisten na necesidade de contar cun servizo 100% público e único, no que todo o persoal teña as mesmas condicións laborais, se lle garanta a súa saúde e seguridade e dispoña de dignidade laboral e salarial. “E que ten que traballar todo ano nas multiemerxencias que se poidan dar no medio natural e rural, na prevención e na extinción dos lumes e na recuperación dos montes queimados para evitar que escorrenta envelene as augas como está a acontecer, orixinando un problema de saúde pública sen precedentes”.

Ao mesmo tempo, critican tanto a xestión como a planificación preventiva do territorio por parte da Xunta, así como a coordinación e a extinción de incendios forestais. “Ao que agora se suma unha deficiente restauración dos solos arrasados, abandonando as persoas e o medio natural galego”. Porque -censuran- as consellarías tanto de Medio Rural como de Medio Ambiente agardaron a chegada as choivas “sen facer nada máis que un par de actos de propaganda sen sentido técnico nin efectividade”. E lamentan que a pesar de contar con persoal, este non se está a empregar para levar a cabo medidas de contención nas áreas sensibles, coa coa consecuente perda de chan por escorrenta e contaminación das augas das zonas afectadas.

En canto á profesionalización do servizo, consideran que non pode poñerse en discusión. “Non pode volver a suceder o deste verán, cando persoal sen experiencia nin formación axeitada tivo que dirixir as labores e traballar nas brigadas de extinción. Nós somos quen está na primeira liña, quen arrisca a vida en cada lume, quen sostén o servizo con profesionalidade e compromiso. Porén, o noso esforzo non se ve recoñecido pola Administración, que continúa ignorando as nosas demandas máis básicas”.

Por todo isto, reclaman unha mellora das condicións:

-Aumento do tempo de traballo para o persoal fixo-descontinuo, pasando xa dos oito meses deste ano a 12 meses para 2026. “Queremos estabilidade e continuidade no emprego, realizarmos as tarefas de prevención de incendios forestais e a restauración urxente e necesaria. Queremos dar servizo ás multiemerxencias”.

-Extensión do Acordo do persoal funcionario do SPDIF ao laboral. “A igual traballo, igual salario e condicións laborais”.

-Dignidade salarial e cobrar os complementos a mes vencido e que sexan fixos.

-Estabilidade no emprego, e o remate dos contratos descontinuos ou temporais.

E diante da falta de seguridade e saúde laboral demandan:

-Mellora das condicións das bases do servizo, "que son pésimas".

-Axilidade na desinfección e reposición dos EPI e dos vehículos.

-Formación específica axeitada e previa ao comezo do traballo.

-Axilización dos trámites para a xubilación anticipada.

-Cumprimento da Lei básica de persoal bombeiro forestal, “que xa ten un ano e nada se fixo”, e a posta en marcha dun plan de igualdade real e efectiva.