Persoal de Ilunion rexeita a represión sindical cunha protesta diante da ONCE en Vigo

O centro especial de emprego está a intensificar a campaña de acoso contra os representantes da CIG coa vista posta nas eleccións sindicais
Vigo - 11 Dec 2024

A CIG retomou hoxe as mobilizacións para rexeitar a represión sindical e o acoso laboral contra os seus representantes en Ilunion Servicios Industriales, centro especial de emprego do grupo ONCE, unha vez que a dirección está a intensificar as sancións coa vista posta na próxima celebración de eleccións sindicais. Persoas traballadoras e delegados/as da central sindical desenvolveron unha concentración diante da sede da ONCE en Vigo ás 11:00 horas.

 

Dende a CIG-Industria explican que Ilunion, que contrata persoas con discapacidade para que presten servizo nas principais empresas da automoción viguesas e ourensás, continúa coa campaña represiva posta en marcha contra os seus representantes no comité de empresa (integrado por 10 delegados/as da CIG e 7 de UGT). Unha campaña baseada en ameazas, coaccións e sancións que se iniciou unha vez a central sindical comezou a denunciar a explotación laboral e a precariedade que padece o persoal contratado por Ilunion.

A CIG leva varios anos desenvolvendo mobilizacións para denunciar a situación destas persoas traballadoras (con salarios inferiores aos do sector, sometidas a altos ritmos de traballo e sen que se lles ofreza a formación obrigatoria)e para rexeitar a represión que exerce a dirección da empresa contra os seus delegados/as coa complicidade da UGT. Agora, coa celebración de eleccións sindicais o ano que vén, Ilunion decidiu intensificar as ameazas, as coaccións e as sancións, até o punto de que o presidente do comité -da CIG- xa recibiu tres moi graves.

Precisamente grazas ao traballo sindical da representación da central en Ilunion a empresa veuse na obriga recentemente de transformar en indefinidos contratos eventuais e fixos descontinuos, en cumprimento dunha resolución da Inspección de Traballo tras a denuncia presentada pola CIG. E con anterioridade a Sala do Social da Audiencia Nacional española anulara o III Plan de Igualdade da compañía tras o conflito colectivo interposto pola central sindical por vulneración do dereito de liberdade sindical.