Persoal de Ilunion clama contra a precariedade diante das empresas da automoción viguesa Benteler e Lear
Traballadores/as de Ilunion Servicios Industriales Galicia, centro especial de emprego do grupo ONCE, continuaron hoxe co calendario de mobilizacións para rexeitar a precariedade e a explotación laboral que padecen nas compañías da automoción viguesa nas que prestan servizo e para reclamar que se lles aplique o convenio do sector ao que pertencen as compañías.
Nesta ocasión trasladáronse ao parque tecnolóxico e loxístico de Valadares para desenvolver sendas protestas diante das instalacións das empresas do sector da automoción Benteler e Lear, nas que prestan servizo os traballadores/as de Ilunion.
Con esta campaña de mobilizacións, que se iniciou o pasado 28 de outubro cunha concentración na sede da ONCE e continuou o 18 de novembro con outra na entrada principal de Stellantis, o cadro de persoal de Ilunion quere denunciar os altos ritmos de traballo aos que está sometido, así como a falta de formación obrigatoria, algo especialmente grave ao tratarse de persoas con capacidades especiais.
Dende a federación de Industria explican que os 620 traballadores/as de Ilunion, que prestan servizo en compañías do automóbil como Stellantis, Benteler, Lear e Denso, padecen unhas elevadas condicións de precariedade -ingresan o salario mínimo interprofesional- e uns altos ritmos de traballo. Ademais, non reciben a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades especiais, tanto físicas como psíquicas.
Para rematar con esta situación de precariedade e de explotación laboral os afectados/as reclaman que se lles aplique o convenio colectivo do sector no que prestan servizo, reivindicación que a CIG-Industria -que conta con 10 dos 17 delegados/as do comité de empresa- considera tamén fundamental para poñerlle freo aos abusos que padecen estes/as empregados/as.