Persoal de IKF mobilízase diante do Parlamento para esixir a intervención da Xunta no conflito laboral
Traballadores/as de IKF da Guarda, que levan 46 días de folga contra a dobre escala salarial e a precarización das condicións laborais, mobilizáronse hoxe diante do Parlamento galego coincidindo coa pregunta que o BNG lle trasladou no pleno á conselleira de Emprego para coñecer as xestións que dende a Xunta se teñen feito ou se pensan facer para solucionar o conflito laboral.
Segundo explican dende a CIG-Construción, o obxectivo é que a propia Consellaría interveña para obrigar á empresa a aceptar a mediación, xa que até o de agora non ten aceptado nin a do AGA nin a da propia delegada de Traballo. “Non pode ser que unha transnacional veña aquí a impoñer e o Goberno galego mire para outro lado, por iso queremos que aclare se ten pensado facer algo para rematar con esta situación”, indican.
Deste xeito, parte do cadro de persoal da compañía dedicada á fabricación de materiais refractarios desenvolveu unha concentración diante da sede parlamentaria de 11:00 12:30 horas, onde despregaron unha faixa na que se podía ler “IKF en folga. Pola defensa dos nosos dereitos. Non máis retrocesos sociais” e berraron consignas rexeitando a actitude da empresa e demandando a intervención da Xunta.