Persoal de Iberdrola mobilízase no Parlamento galego pola actualización salarial a IPC

PP e PSOE votaron en contra dunha Proposición non de Lei para que se obrigue as grandes empresas con concesións públicas a manter o poder adquisitivo
- 26 Mar 2026

Persoal de Iberdrola desenvolveu esta mañá unha concentración convocado pola CIG e a central vasca ELA diante do Parlamento galego para reclamar a actualización salarial conforme a IPC. A protesta coincidiu co debate dunha Proposición non de Lei tramitada polo BNG -que foi finalmente rexeitada cos votos en contra de PP e PSOE- para obrigar as grandes empresas que operan en Galiza que xestionan concesións e autorizacións administrativas, explotan recursos naturais e reciben subvencións ou bonificacións fiscais “a garantir o poder adquisitivo e protexer a economía do noso país”.

A iniciativa foi tramitada despois da xuntanza mantida en decembro do ano pasado por Fran Puch (CIG) e Gorka López del Corral (ELA) cos portavoces parlamentarios de emprego, enerxía e industria da formación nacionalista para explicarlles a situación de perda de poder adquisitivo que padecen as persoas traballadoras de Iberdrola. Durante o encontro os representantes sindicais propuxeron unha serie de medidas para solucionar esta problemática, que o BNG incorporou á Proposición non de Lei que se someteu a debate e posterior votación na comisión 3ª de Economía e Orzamentos.

O obxectivo desta medida era introducir na lexislación a obriga de que as empresas que operen en Galiza que xestionan grandes concesións, autorizacións administrativas, explotan recursos naturais e reciben subvencións ou bonificacións fiscais garantan unha subida salarial mínima conforme ao IPC “para preservar o poder adquisitivo do seu persoal e protexer a economía real do noso territorio”. Tamén se reclamaba que a Xunta promovese ante o Goberno central a extensión desta medida ao conxunto do Estado mediante a reforma da lexislación laboral e de contratación pública correspondente.

De terse logrado esta demanda melloraríase a situación salarial doutras 45.000 persoas traballadoras de 150 empresas que operan no noso territorio, segundo datos da Axencia Tributaria e do Instituto Galego de Estatística, ao tempo que se facilitarían en gran medida as actuais e futuras negociacións colectivas. “Temos que seguir deixándolle claro aos representantes políticos a nosa disposición a loitar para que tomen nota das nosas reivindicacións e deteñan o abuso e o espolio que sufrimos por parte da dirección da empresa”.