Persoal de hospitalización do Meixoeiro mobilízase contra a redución de enfermeiras/os nas quendas de tarde e noite
Persoal de hospitalización do hospital Meixoeiro de Vigo desenvolveu hoxe unha mobilización no centro médico para rexeitar a redución das presenzas a unha soa enfermeira/o nas quendas de tarde e de noite. Denuncian que os cambios introducidos pola Xerencia tras a individualización das habitacións supón unha sobrecarga de traballo que pode afectar negativamente á capacidade das e dos profesionais de garantir unha asistencia digna, segura e de calidade.
A protesta foi convocada pola Comisión de Centro de Atención Hospitalaria da área sanitaria de Vigo para esixir solucións aos cambios de condicións de traballo do persoal de hospitalización do Meixoeiro despois de que o pasado mércores día 10 de febreiro a representación do persoal coñecese a través das traballadoras/as os cambios organizativos que se están a realizar no centro motivados pola individualización das habitacións.
Dende a Comisión critican que a Xerencia de Vigo non informase destes cambios organizativos á representación do persoal e inciden en que a individualización das habitacións pode ter efectos positivos no control da infección, “mais a forma na que se está a realizar a reorganización do traballo pode afectar negativamente á capacidade das e dos profesionais de garantir unha asistencia digna, segura e de calidade”.
Neste senso, entenden que a redución das presenzas a unha soa enfermeira/o na quenda de tarde e de noite supón unha sobrecarga nun centro hospitalario onde se atende maioritariamente a persoas maiores, dependentes e desorientadas, e ante unha situación de descompensación ou desorientación dalgún/ha dos doentes non se podería atender axeitadamente as necesidades do resto.
Figura do 'familiar coidador'
“A Xerencia tira da manga a figura de 'familiar coidador' para xustificar esta medida; con esta figura preténdese responsabilizar os familiares dos coidados profesionais que precisan os doentes no hospital; ademais, trátase dunha medida que require poder ter un familiar con dispoñibilidade 24 horas para poder permanecer no hospital”, sosteñen.
Por todo isto, demandan unha rectificación por parte da Xerencia e reclaman o aumento de dúas presenzas de enfermaría nas quendas de tarde e noite; a permanencia das prazas estruturais no hospital do Meixoeiro; e transparencia na xestión da Xerencia da área sanitaria de Vigo.