Persoal de HM Rosaleda mobilízase contra a discriminación salarial e para demandar condicións dignas
A CIG realizou unha nova concentración este martes diante do hospital HM Rosaleda de Santiago para esixir o remate das discriminacións salariais, un reforzo dos cadros de persoal e unhas condicións retributivas e de traballo dignas na sanidade privada.
As delegadas e delegados da CIG no hospital privado denuncian que a dirección está a fomentar a discriminación salarial entre as distintas profesionais, aplicando incrementos nas retribucións de até 600 euros a unha soa categoría mentres que a outras non lle sube nada e, no caso das traballadoras da limpeza, por exemplo, os soldos non chegan mensualmente ao salario mínimo.
Xunto a isto, con estas protestas quérese denunciar a carga horaria que teñen que soportar os traballadores e traballadoras da Rosaleda, que “moi superior á que se realiza nos outros hospitais privados da provincia, incluso con respecto ao resto de centros do grupo HM na Coruña”.
Así mesmo, reclaman un reforzo dos cadros de persoal para afrontar a sobrecarga de traballo, xa que en moitas ocasións “o persoal ten que cubrir o posto de dúas ou tres comapañeiras/os á vez”.
A representación da CIG no HM Rosaleda critica que as táboas salariais son insuficientes para reter os e as profesoinais, polo que a patronal está a aplicar un complementos fóra do actual convenio que, lonxe de resolver o problema da falta de persoal, agravan as discriminacións salariais entre os distintos colectivos. Fronte a isto, a CIG-Saúde esixe que estas subas sexan extensivas a todas as categorías de xeito que se manteña a proporción que o convenio marca, e de tal xeito que estes incrementos sexan dereitos adquiridos e consolidados para todas as traballadoras e traballadores.
“Isto non é unha novidade e non só afecta a esta empresa. Estes “desaxustes” e compensacións que dificilmente chegan para quedarse se da patronal dependera, estanse a instaurar no resto de empresas da sanidade de do país”, advirte a CIG-Saúde.